sábado, 8 de marzo de 2014

Apuntes sobre a toponimia de BARREIROS

Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello.
Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.

É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
_______________________________________________________

A ABELLEIRA (Benquerencia)

O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". 
Ás veces, estes lugares de colmeas tiñan un cercado, para protexelas dos osos e outros animais.
É un topónimo moi común en toda A Mariña, do Vicedo ata Ribadeo.

AS ACERNADAS (Barreiros)
Posiblemente forma alternativa por "cernada, aínda que con reservas, xa que a forma "Acernada" se repite  tres veces no veciño concello de Ribadeo.
O termo "cernada" viría do latín (terra) cinerata 'terra queimada'. Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza. Ver "CAVADAS" para máis detalles.

A AGOLADA (Benquerencia)
O termo "agolada" provén do latín "aqua lata" 'auga levada', unha canle de auga para levala para os muíños, para as presas ou para as fontes.
Comparte a mesma orixe con outras "Agolada" en Galiza, e coa "Igualada" en Cataluña.


Está atestada como "Aqua Lata" no ano 1101: 'territorio Barrarios, loco predicto Uilla Cesar, secus litus Aqua Lata, discurrente ecclesie sancti Petri, subtus mons Pausatorio' (cf. CODOLGA: Lourenzá, 1101).

Figura como "Agualada" no 1266: 'Iten outro terreo no banno due departe da herdade que ten Fernan Sanches do moesteyro et do outro cabo de carreyra que uay para o barreyro d'Agualada et do outro d'outra herdade que foy da praza de Affonso Martines' (cf. TMILG: Lourenzá, 1266).

A AGUÁ (Vilamartín Pequeno)
Aínda sendo un topónimo de orixe escura, semella plausíbel interpretalo como "A Guá", a partir dun antigo "A Goaa", en relación á freguesía de de Goá (Cospeito) e mais  aos topónimos As Goás (Vilalba, Mondoñedo). En efecto, do punto de vista fonético nada impide que A Goá e A Aguá compartillen unha mesma etimooxía.
Para Goá e As Goás temos a vantaxe da súa atestación medieval coa foma Guada. En efecto, seguindo a Miguel Costa, derivarían do antigo nome do actual rio Anllo ou de Abadín,  o cal aparece atestado por primeira vez nun documento do ano 969 como Guada:
.." in Azumara, villa Edrosa. in Cerceta Froylane incartaciones Trasarici. in Guada, quamtumque habeo." (cf. CODOLGA: Tombo Lourenzá).
En base ao anterior, Miguel Costa propón para Guada unha orixe nun vocábulo derivado do proto-xermánico *wadan 'vao, lugar de augas baixas' (cf. Köbler, G, 2007. "Germanisches Wörterbuch").
Para máis detalle sobre a interpretación para Goás, ver M. Costa, 2008. "Freguesias da Terra Chà", blog Frornarea.
Independentemente da súa etimoloxía, todo apunta a que se trata dun hidrónimo, teña a orixe xermánica indicada por Costa ou teña outra, talvez prerromana, tendo en conta a existencia dun Gobantes en Burgos (cf. Diccionario Madoz).
No caso que nos ocupa, A Aguá linda c queda ao pé dos Lavanciños e Rego Aberto, e á súa esquerda hai un Anguieiro e o Río de Currás, e linda ao sur coa Regueira. É, por tanto, bastante probábel que teña un tema hidronímico.

Aínda que a primeira vista poderíamos tamén incluír neste grupo outros varios topónimos Goexe, A Goexa (Paderne, AC) e As Goexas (OVicedo, Lu), descartamos relacionalos: non todos se poden relacionar con hidrónimos, tal como se detalla no blog correspondente para  As Goexas (cf. "Toponimia do Concello do Vicedo"). Ademais, a maioría corresponden a núcleos de poboación, que apuntan máis ben a un nome de posesor.

A ALCACEREIRA (Barreiros)
Lugar onde abunda o "alcacer" ou que produce boas colleitas del. O "alcacer" é o centeo, por veces cebada ou avea, que é segado en verde para forraxe.

A ALMUÍÑA (Celeiro de Mariñaos)
Derivada do árabe hispano almúnya 'quinta'. Defínea o dicionario como "horta de árbores frutais, cerrada". Cf. DdD.

A ALVARIZA (Benquerencia)
O termo "albariza" designa un sitio onde abundan as colmeas. Cf. DdD.
Moitas veces, a alvariza tiña un cercado para protexer as colmeas dos osos e doutros animais. Derivaría do latín alveus 'cavidade', do cal xa en latín tamén deu alvearium 'colmea'.

A ANEA (Barreiros)
Cremos que "Anea" ten a orixe no tema pre-latino *ann-, que Bascuas liga co radical céltico *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou como o topónimo "Guadiana". De feito, tamén son frecuentes os topónimos "anilleira", "anido" e "aneiro", que cremos compartirían a mesma orixe.

A ARBOSA (San Miguel de Reinante)
Posiblemente de "Herbosa", lugar onde abunda a herba. Podería vir tamén do latín aruum 'agro, campo'.
Alternativamente, podería ter unha orixe prerromana, e derivar da forma paleoeuropea *arv-, derivada da raíz indoeuropea *er- 'moverse'. Esta hipótese foi proposta por E. Bascuas, aínda que, dadas as alternativas probables indicadas, non a deu como segura senón como apenas unha alternativa.

A ÁSPERA (Barreiros, San Miguel de Reinante)
Alén do posible significado relativo a "terreo áspero", tamén se refire a terreo de bouza, ou terreo escarpado.
Viría de "(terra) áspera", ou incluso "aspera loca" (cf. pp. 306 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).

Falta comprobar se tamén nestes casos parece corresponder á acepción rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa (cfr. aquí).


A AVIEGA (Celeiro de Mariñaos)
AVIEGA (Vilamartín Pequeno)
AS AVIEGAS (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
Topónimo que alude ao cultivo da avea, aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

A BALEA (Benquerencia)
Posiblemente relacionado co avistamento ou pesca da balea.
A pesca da balea era común no Cantábrico desde antigo. Xa en 1286 hai documentada actividade baleeira no porto de Prioiro (Ferrol). Bares e San Cibrao aparecen citados en 1291, e continúan coa actividade baleeira ata o século XVIII. De Burela hai documentos ao respecto de 1527, de Nois e Rinlo no comezo do século XVII, e pouco despois Portocelo e Morás (1635), etc.
Nos primeiros tempos, do século XIII ao XV, a actividade baleeira nas costas galegas era desenvolvida maiormente por pescadores vascos. A finais do século XVI, os galegos tiñan desprazado totalmente aos baleeiros vascos.
Cf. aquí.

A BARCELA (Barreiros)
Unha "barcela", diminutivo de "barcia", tén dúas acepcións, a de "pequeno terreo comunal" (similar ao caso de "seara") e unha segunda acepción de "terreo de cultivo ao pé dun río, que por veces o inunda". Cf. DdD. Descoñecemos cal das dúas acepcións sería a orixe deste caso.

Canto á etimoloxía, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A AMARELA (Reinante)
Topónimo que podería remitir ao sobrenome dun antigo posesor  deste lugar.  O alcume Amarelo xa está atestado no séc. XII (".. Gutier, cognomento Amarelo .." 1170 CODOLGA). Se for este o caso, trataríase dunha construción adxectival-posesiva "terra do Amarelo" > "Amarela", frecuente na microtonimia.
Tamén pode aludir á caracterización do terreo, no sentido de "(terra) amarela".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

A BIRICEIRA (Barreiros)
Posiblemente se trate dun termo de orixe prerromana, que se tería conservado no romance, e daí a presenza do sufixo romance -eira, que xeralmente dá un significado de "conxunto, abundancia".

Bascuas analizou topónimos similares como Birizo (Cedeira), e dalle dúas posibeis interpretacións alternativas (cf. páx. 141-142 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014):
1) Formación hidronímica prerromana, con sufixos -to- + -io. Canto á orixe, poderia ser a forma *wer-, *wir-, a partir da raíz indoeuropea *awer- 'auga, chuvia, río'.
2) formación romance a partir do latín vena 'vea, veta', co sufixo latino -iceo propio de adxectivos.

No caso que nos ocupa, para Biriceira, aplicarían as mesmas interpretacións dadas por Bascuas, xa que non presenta maior variación que a do sufixo romance -eira, que xeralmente dá un significado de "conxunto, abundancia".

Alternativamente, aínda que improbábel, tampouco podemos descartar a interpretación alternativa de "Briceira", no sentido de "lugar onde abunda o brizo" (planta que medra en lugares enlamados ou cauces de auga).

Hai tamén un "As Biriceiras" na veciña parroquia de Santiago de Reinante.


A CADEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Unha cadeira (do latín cathedra) designa un“banco triangular de tres pés, así como a parte do corpo.
Interpretaríase, en toponimia, como unha metáfora oronímica, referida á forma do lugar. 
É relativamente frecuente, así na contorna atopamos "As Cadeiras" e Xove e "A Cadeira" en Mañón.

CADRA (Benquerencia)
O CADRO (Celeiro de Mariñaos)
Topónimos que probabelmente remitan á disposición chá e rectangular do terreo, á forma cadrada da leira, fronte ao máis xeral de forma alongada. 
En efecto, aínda que os dicionario de galego inclúan a acepción de "establo, corte", se observamos a localización dos topónimos "Cadra" de Foz, Barreiros, Muras, así como a d'As Cadras" en Lousame, derívase que en todos os lugares se refire a fincas rectangulares chás, e en ningún caso ten edificacións nin parece encaixar o lugar para que as tivese.
Non podemos descartar, no entanto, que poida aludir aos restos dunha edificación en cadro, en ángulo recto, e remitir talvez a restos romanos (a planta dunha vila ou outro edificio) ou dun castro. Estas cementacións en escuadra resultarían pouco comúns para os poboadores da Idade Media. En efecto, Pascual Riesco asígnalle esta orixe arqueolóxica a varios "Escuadro" existentes na provincia de Zamora e noutras (cf. P. Riesco, 2019. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, ...").

A CALEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Lugar onde se extrae o cal, ou forno onde se queima o cal. Cf. DdD.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería estraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presenza dunha única planta.

A CALZADA (San Xusto de Cabarcos)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado.


A CAMPOSA (Cabarcos)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, maiormente nas provincias da Coruña e Lugo.

A CANCELA (Reinante)
A CANCELA VELLA (Reinante)
A CANCELA VELLA (Benquerencia)
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.

En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

O lugar da Cancela da Vella figura atestado no ano 1479 :
    " .. cançela do rio onde chaman la Cançela Vella .."  (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo" - web).

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

A CARBA (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario define "carba" como "especie de roble, de folla miúda e mala calidade de madeira", tamén coa acepción de "carballo cerqueiro".

A CARBALLA (Benquerencia)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario.

O CARBALLO BRANCO (Celeiro de Mariñaos)
Este lugar, cun topónimo de significado transparente, debe ser o mesmo que o Carvallo de Alvam figura nun documento de 1305 do rei Fernando IV de Castela:
.. "et por las bonas de Brannedo et por Almaron et por lo caruallo de Aluam et por la crus de Pannicales "..
 figura atestado xa  no Padrón de Barreiros de 1661, no cal se cita o lugar Carvallo blanco. Aparece igualmente coa mesma forma no Catrastro de Ensenada (1752) da parroquia de Celeiro de Mariñaos.

A CASTELÁ (Barreiros)
O nome deste núcleo de poboación remite a un lugar pertencente a un posesor orixinario de Castela ou con apelido "Castelao" ou "Castelá".  É de notar que, se se tratase de oriúndos de Castela,  puido ser da Castela de Ourense (cf. P. Sarmiento, 1969. "Castellanos de Orense", en GRIAL 26).

CHAO DO ESCOBAL (San Xusto de Cabarcos)
Referencia fitotoponímica, indicando a abundancia de xestas, posibelmente de "xesta negra" ou doutros tipos. En efecto, o topónimo Escobal vén recollido por Navaza, que ademais indica a (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

A CHAVE (Benquerencia)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.

Igualmente en portugués, "chave" denominaba xa desde antigo un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798). 

A CONGOSTRA CEGA (Benquerencia)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corga". A palabra vén do latín congusta, "estreita". Cf. DdD.

Canto a "Cega", podería indicar que está pechada na parte fondal, cremos máis ben que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no sentido de fonte "atascada, atrancada, tapada".
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos" que atopamos. ademais de en Mañón, atopamos "Fonte Cega" en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como outra "Congostra Cega" no Valadouro (nunha zona de prados), ou o "Rego Cego" en Cordido, así como outros na Capela, San Sadurniño, A Capela, Moeche.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.

O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta. Concretamene, Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse'. Cf. páx. 272 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A CORTIÑA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos, Vilamartín Pequeno)
Este termo designa leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.
Deriva do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina ‘cortiña’ e cohorticulum ‘cortello’.

A COSQUEIRA (Reinante)
Os dicionarios de galego rexistran as formas cosca, cosco e cosqueiro, con acepcións múltiplas, mormente relativas á casca ou cuberta seca de legumes etc, e tamén á folla do piñeiro, tamén chamada fronza ou pomba.
Podemos interpretar este topónimo, xa que logo, como remitindo a un lugar onde se acumulaba ou abundaban as follas secas de piñeiro ou doutra árbore ou planta.

A COSTA DA ACEA (San Xusto de Cabarcos)
O termo "acea" designa un muíño fariñeiro que move a auga por medio dunha gran roda colocada verticalmente.

A ENXERTADA (Celeiro de Mariñaos)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.


A FABEGA (Barreiros)
A FABEGA (San Xusto de Cabarcos)
Topónimo que alude a un lugar no que se cultivan as fabas ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

A FOLGUEIRA CHÁ (Vilamartín Pequeno)
Unha "felgueira" ou "folgueira" alude a un "lugar onde abundan os felgos".

A FOLGUEIROSA (Barreiros, Benquerencia)
Lugar onde abundan os felgos.

A FRAGA DA FALCOEIRA (Barreiros)
Topónimo transparente: fraga na que aniñan ou frecuentan os falcóns.

A FRAGA DO TEIXIDAL (San Xusto de Cabarcos)
Un "teixidal" ou "teixido" é un lugar onde abundan as árbores chamadas "teixo".

A GADÍA (Cabarcos)
Probablemente derive de Agadea, variante de Ágata e Águeda.

A GRANDA (varios)
O termo "granda" ou "gándara", de orixe prerromana, ten varias acepcións, todas relativas a "terreo improdutivo, polo xeral chan".
O Catastro de Ensenada (1752) para a  parroquia de San Miguel de Reinante recolle o lugar «da Granda» en dita parroquia.

A GRANDELA (San Xusto de Cabarcos)
Forma en antigo diminutivo de "granda". Ver "A GRANDA".


A GUEDELLA (Barreiros)
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor do lugar. 
De feito, o alcume Guedella xa figura rexistrado como Gedella no séc. XIII ".. Pedro Pérez dito Gedella.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

A GULPILLEIRA (Cabarcos)
Unha "golpilleira" remite, real ou metaforicamente, a un covil de "golpes" ('raposos').


GUXEIRA (Celeiro de Mariñaos)
Significado e orixe incerta.

Talvez forma evoluída de "buxeira", lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo "O Guxido", tamén nunha zona de ribeira e na mesma parroquia.

A INSUA (Cabarcos)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refire a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.
No caso que nos ocupa, efectivamente a poboación da Insua está rodeada por 3/4 partes por dous brazos do Rego de San Estevo.

O lugar «dela Ynsua» figura no Catastro de Ensenada (1752) da freguesía de Cabarcos.

LAGAR, O (Cabarcos)
Topónimo transparente, lugar de pisado da uva para a produción de viño.
A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

A LAGOA (Benquerencia)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese sentido de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está algunhas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.

As primeiras mencións destas construcións rexístrase na Idade Media:

      "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

A LIÑEIRA (Celeiro de Mariñaos)
O termo "liñeira" é sinónimos de "liñar, terreo onde se cultiva o liño". Cf. DdD.
A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A MALATA (Cabarcos, Reinante)
Lugar que remite a enfermos da "malatía" 'lepra'.
Para máis detalles, ver entrada no blog Pena da Cataverna.

A MARABOA (Benquerencia)

A MARADONA (San Xusto de Cabarcos)
A MARASECA (Celeiro de Mariñaos), 
O topónimo Maraboa derivaría do nome de muller "María Boa", o de Maradona de "María Dona" e o de Maraseca de "María Seca". Indican respectivamente, xa que logo, "A (terra de) María Boa", "A (terra de) María Dona", "A (terra de) María Seca".
Xa fóra deste concello, atopamos "A María Dona" en Silán (Muras), xa sen síncope.

Por toda a Mariña atopamos topónimos similares,  coa mesma orixe nun composto de "María". Así, atopamos "A Marapega" (María Pega) no Vicedo, así como "A Maraleixa" (María Aleixa) en Chavín (Viveiro), Marapaz (Xermade). Xa máis lonxe están Maramiga en Galgao (Abadín), Maramiguez en Cerdedo, etc.
Lembremos tamén o caso da "marafonsa", unha clase de mazá, cuxo nome viría de "María Afonsa". 

É de notar que nos casos "María Dona" e "María Boa", pode non se tratar de nome+apelido senón de nome composto: de feito, os nomes de muller "Matre Domna", "Matre Bona" e "Madrecella" son referidos por Piel e atestados en Portugal no Sécuo XI (cf.  par. 236 de J. Piel, "Nomes de 'possessores' latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa" in Biblos 23).

A PALEIRA (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Unha "paleira" (tamén "pala"), nome de orixe prelatina, é definida nos dicionarios como "cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais" (cf. RAG).
Antigamente, o significado incluiría o de "cavidade refuxio de pastores e de gado" (cf. aquí). 
En particular, as voces "paleira" e "pala" refiren a un saínte ou viseira natural que forma a rocha.  Estes saíntes eran valorados como abrigo para pastores. Nel podían acender o lume ou repousar. Alén de Galiza, en León rexístrase o cognado palla, co mesmo significado.

A PAMPILLEIRA (Benquerencia)
Lugar no que abunda o "pampillo", unha planta anual da familia das compostas (Coleostephus myconis), de flores amarelas parecidas ás da margarida (cf. RAG).

A PASADA (Cabarcos, San Miguel de Reinante, Vilamartín Pequeno)

AS PASADAS (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña" (poldras). Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Foz, en Mañón, en Viveiro, en Muras ("A Pasada do Río", "A Pasada do Portancho", "A Pasada do Cal do Medio", ..).
No caso das Pasadas de S. Miguel de Reinante, debeu aludir a unhas pasadas para cruzar o Rego de Marzán.
O lugar "das Pasadas" (San Miguel de Reinante) figura atestado no Catastro de Ensenada (1752) da parroquia de San Miguel de Reinante.

A PATEIRA (Cabarcos)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, relativas a "lameiro". Para un topónimo, as de mellor encaixe son as de "pequena lagoa ou poza na que paran os patos selvaxes", e mais a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) no que se crían patos, capóns, etc". Cf. DdD

Tamén A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima"). Igualmente Joseph M. Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
En conclusión, trátase dun zootopónimo que remitirá a un lugar no que paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que alí habería.

A PROÍDA (Cabarcos, Reinante)
O dicionario de Constantino González define "pruída" como "cume semiplano, parte máis alta dun monte". Cf. DdD.

Canto á etimoloxía, J. M. Piel, o termo "pruída" descende da forma  pronitamderivada do latín prunus 'inclinado'. Por outro lado, Corominas deriva pruída probablemente de prodita, de prodire 'aparecer á vista', indicando o lugar por onde aparecen os que chegan. 
No galego da zona das Médulas (León) figura recollida "probida" (cun -b- antihático) como ‘Paso de montaña por donde traspone el caminante’, ‘cuesta’, ‘parte elevada en forma de loma o dorsal en medio de un monte o un bosque’, ‘cuesta que da salida a un alto’ (cf. aquí F. Bello "Léxico y literatura de tradición oral en el entorno de Las Médulas (León)").

A PUMAREGA (Vilamartín Pequeno, Celeiro de Mariñaos, Cabarcos, Barreiros)
Unha "pumarega" e un "pumar" son sinónimos, co significado de "finca plantada de froitas, mormente maciñeiras (maceiras)".
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Fabega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). De feito, "Pumarega" atopámolo na Mariña de Viveiro ata Ribadeo.

A REBOLADA (Benquerencia)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Barreiros (1753) ao detallar os límites da freguesia
 .."por la vega que llaman de san Pedro asta el arroio darrebolada"...

Aínda que o dicionarios de galego rexistran "rebolada" como "golpe de rebolo", "acción de rebolar", no caso destes topónimos o significado sería o de "bosque de carballos", "arboreda". O portugués actual conserva para "rebolada" este significado de "grupo de árbores" (cf. Priberam).
A orixe destes topónimos está directamente relacionada co latín vulgar roboria 'carballo'.

A REGA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
O termo "rega", ademais da acepción evidente de "regadura, o acto de regar",  ten outras varias acepcións, a maioría relacionadas con regatos e os vales ou cárcavas polas que discorren, así como por extensión a de "terreo pantanoso". 

Tamén é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego, ver E. Bascuas aquí.

A REGATA (Cabarcos)
Os dicionarios definen "regata" como "valgada", tanto na acepción de "espacio entre dous montes" como na de "regueiro pequeno", "escorrentía". Cf. DdD.
O mesmo que para "regato", a etimoloxía ten raíz común coa de "rego", para o que se lle asigna unha orixe na forma prerromana *rek- (cf. E. Bascuas, "VERBA", 2000). Viría, por tanto, dunha forma *rekatta, co sufixo prerromano -atta.

A REGATEIRA (Cabarcos)
Aínda que non rexistrado nos dicionarios con esta acepción, o topónimo "regateira" refire a "regata" ou conxunto de "regatas", sinónimo de "escorrentía",  nun senso máis difuso que regato.
Neste caso, confírmase claramente ao ser referido a unha ribeira (cf. aquí).
Ver "A Regata" para máis detalles.

A RILLEIRA (Cabarcos)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. DdD.

Posiblemente deba interpretarse como a segunda acepción, pola orografía inclinada do lugar, ou tamén na primeira acepción como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. 
No entanto, dada a frecuencia da presenza deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

A ROMIÑA (Celeiro de Mariñaos)
Este lugar está atestado como Rumiña no Catastro de Ensenada de Celeiro de Mariñaos (1753) ao detallar os límites da freguesia. 
Podería remitir ao apelido ou alcume Romiña dunha antiga posesora do lugar. 
Xa figura atestado como apelido en 1309 en Lugo:
 [...] in civitate lucensis in vico de Burgo Novo, in qua modo moratur Marina Romina, et iacet inter domun Pelagii Roderici [...] (cf. CODOLGA).

Alternativamente, pode aludir ao apelido Romeo dunha antiga posesora do lugar. Ver ROMEU para máis detalles.

O Proxecto Toponimia de Galicia recolle os microtopónimos Rego da Romiña (A Devesa, Ribadeo), A Romiña (Muros, ACo) e As Romiñas (Ramirás, Ou). 
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra un "A Rumiña" no veciño concello de Ribadeo.

A RÚA (Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo probablemente corresponde co apelativo "rúa" (‘camiño dentro dunha poboación, rodeado por casas, árbores etc.’ (cf. Dicionario RAG). A etimoloxía sería da forma latina rūga ‘arruga’ (cf. J. Corominas, "Diccionario crítico etimológico castellano e hispánico"), probablemente a través do francés rue (cf. e.g. E. Rivas, 
1982. "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba).

A SEARA (Santiago de Reinante)

A SENRA (San Xusto de Cabarcos)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo".  A voz "seara" designa ‘sementeira de cereal’, 'monte de rozas no que se cultiva centeo', así como o de "pedazo de terra cultivada".
Tanto Senra como Seara,topónimos frecuentes en Galiza, teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara
É interesante reparar que, tanto na parroquia de Chavín (Viveiro) como na de Portocelo (Xove), na de Insua (Ortigueira), conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

A SILVA (Barreiros)
O termo "silva" neste caso, ao ser singular, probablemente non corresponda co significado actual deste apelativo, senón que foi aplicado antigamente co significado orixinario do latín silva 'bosque, fraga'.

A TELLEIRA (San Miguel de Reinante)
Este topónimo debe ser o atestado como «Telleyra» no ano 1379 nun texto da Catedral de Mondoñedo ao referirse a un «Fernando de Seyxo» (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").
O topónimo alude a un lugar no que fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas.

A TORRE (Reinante)
O termo "torre", frecuente na toponimia galega, non remite estritamente a torres, senón a casas torre, casas fidalgas ou casas grandes, de labradores ricos. 
Este lugar, situado preto da igrexa de Santiago, aparece mencionado como «da thorre» no Catastro de Ensenada (1752)  parroquia de Reinante.

AS VALGAS (Reinante)
O termo valga, sinónimo de valgada,  está recollido por Rivas Quintas coas acepcións de "Faldra dun monte" e tamén como "vale". Segundo o DRAG, é un “vale pequeno ou a parte máis baixa do mesmo, por onde corren as augas naturais da chuvia”.

A VEIGA DA CACARIXEIRA (Celeiro de Mariñaos)
O topónimo Cacarixeira podería remitir ao alcume Cacarexeira dunha antiga posesora do lugar. O dicionario da RAG recolle a acepción de cacarexar como "Difundir indiscretamente".

Máis improbábel, poderíamos pensar nun abundancial "cacareixeira", lugar onde abundan as plantas dos cacareixóns (morangos silvestres), aínda que Navaza on o recolleu na sua obra de Fitotoponimia galega.

A VEIGA DE CRIMENTE (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
Derivado de Clementem, acusativo de Clemens, nome de orixe latina.

A VEIGA DE PREGUNTOIRO (San Miguel de Reinante)

Está atestado o "Cabo de preguntoiro" no Catastro de Ensenada de S Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia.

O nome "Preguntoiro" deriva do latín medieval præcuntorium, sinónimo de promontorio' (cf. Du Cange). En efecto, os varios topónimos Preguntoiro  existentes na xeografía galega aludirían á situación do lugar nun saínte entre augas, sexa unha zona entre ríos, ou para os costeiros un promontorio.
O caso que nos ocupa, corresponde claramente a un saliente costeiro, un estilo de promontorio.
Ver artigo blog A Pena da Cataverna a entrada sobre Preguntoiro para máis detalles.

É de notar que esta veiga, localizada ao pé do preguntoiro, tamén é chamada "A Veiga dos Burguidos".

A XABARIGA (Celeiro de Mariñaos)
Topónimo que remite á "a (terra) de Xabarigo", do nome medieval Sabaricus, antropónimo de orixe xermánica.

A ZANCA (Cabarcos)
Aínda que é un topónimo infrecuente nesta zona de Galiza, na zona central é moi abundante. 

Na toponimia, ten unha acepción que encaixa de  "finca grande cerrada" (cf. DdD C. García González, "Glosario de voces galegas de hoxe").
Por outro lado, a voz "zanca" acostuma a referir metaforicamente a elementos en ángulo. Algúns dos topónimos "Zanca" poderían aludir a fincas con recantos, en ángulo (de "V"). 
É interesante indicar a distinción dos terreos chamados "Chave", que presentan unha extensión en ángulo recto (en "L"), dos "Zanca", cuxa extensión tería ángulos menores.

En calquera caso, varios dos topónimos que temos revisados non presentan esta forma, mentres que si semellan estaren ou que puideron estar chousados.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra ademais un predio en Musdradas (Muras) chamado "Zanca de Araña", que semella ser alusión metafórica á forma do terreo, aínda que non puidemos comprobalo.

ABELAEDO (Santiago de Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de Stgo. de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia:
 ..."baja a unas penas que llaman de Abelaydo"..
O topónimo remite a un lugar no que abundarían as abeleiras.

AMIDO (Barreiros)

AMIEIRAL (Celeiro de Mariñaos)
Un "amido" ou "amieiral" é un lugar onde abundan os "amieiros", sinónimo de "ameneiros".

ANGUIEIRA (Barreiros)

ANGUIEIRO (Celeiro de Mariñaos)
O lugar do Anguieiro está atestado no Catastro de Ensenada de Celeiro de Mariñaos (1753) ao detallar os límites da freguesía: "subiendo por dicho rio hasta el sitio do anguieiro".
Remite a un lugar próximo a unha zona de río na que abundarían as anguías.
Aínda que o dicionario define anguieira como “rede que se utiliza para coller as anguías” (DRAG), na toponimia, tamén na costeira, as formacións en -eira indican abundanciais, non só de plantas mais tamén de peixes e moluscos, así Mexilloeira, Robaleira. 
Este lugar queda a rentes do esteiro do Masma, o cal confirma a interpretación indicada.

AREA LONGA (Reinante, San Miguel de Reinante)

AREAS (Santiago de Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel e no de Stgo. de Reinante (1753) ao detallar os límites das freguesias:
     ..."Area Longa y arroio que enella desemboca y nombran de marzan"..

Antigamente, neste contexto toponímico, o termo "area" significaba "areal", "praia", se ben que esta acepción xa se perdeu, ao ser introducida a voz "praia".
O topónimo "Area Longa" ten pois o significado case transparente de "praia longa".

ARMÉN (San Miguel de Reinante)
Podería vir de *(uilla) Armenii, dun antigo posesor chamado Armenius, nome de orixe latina.
Alternativamente, dun hidrónimo *armeni, indicando algo similar a "río, corrente de río". Neste sentido, E. Bascuas interpreta topónimos similares como "Vilarmea" (antigamente Villa Armena) como formado a partir do elemento paleoeuropeo *arm-, derivado da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse' (cf. p. 46 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 


ARMILO (Benquerencia)
De *(uilla de) Hermemiro, que remite ao nome do antigo posesor altomedieval do lugar. É un nome de orixe xermánica. Igualmente probable é que o nome fose Aremiro, tamén de orixe xermánica, de feito esta é a hipótese que defendeu J. M. Piel (cf. p. 234, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).
Porén, foi máis frecuente o primeiro, o cal documenta o CODOLGA, coas variantes Ermemiro  e Hermemiro en documentos dos séculos X a XII. 
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén Armil (Xermade), da mesma procedencia.

ARQUEIRA (San Miguel de Reinante)
Podería ser derivado do latín arca, 'mámoa, dólmen, sepultura prehistórica'. De feito, figura recollido "arqueira" entre os termos aplicados a dolmens (cf. 
J. R. Menéndez, 2000 "La construcción del territorio;mapa histórico del noroeste de la Península Ibérica").

AS ARNESAS (Barreiros)
Correspondendo este topónimo a unha zona de marisma, cremos que posiblemente estea relacionada coa forma hidronímica paleooeuropea *arn- (como nos casos de "Arnoia", "Arnela", etc), derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse', amplamente estudada por E. Bascuas. Cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

AS ARQUEIRAS (Cabarcos)
Ver "Arqueira".

AS BIRICEIRAS (Santiago de Reinante)
Ver "A BIRICEIRA".

AS BOGUEIRAS (San Miguel de Reinante)
O nome remite a un lugar onde abundan as bogas, peixe mariño da familia dos espáridos (Boops boops).

É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos a punta Robaleira en Xove, a "Besugueira" en Burela, a foz do "Pozo dos Monxes" en Cervo, a "Punta dos Monxes" no Vicedo, a "Punta dos Mógaros" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

AS CAMBAS (San Miguel de Reinante)
Posiblemente referido á orografía "arqueada" da zona. A palabra "camba" ten varios significados, relacionados con "cousa curva", en concreto "peza curva da roda do carro" e tamén a de "Val" (cf. dicionario de Cuveiro Piñol, 1876), que encaixaría para o topónimo.
Existe tamén o verbo "cambar", "arquear, curvar". Cf. DdD.

AS CARREIRAS VELLAS (Celeiro de Mariñaos)
O apelativo "carreira", presente no galego desde antigo, indica a presenza de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria.

AS CATAÍVAS (Benquerencia)
Significado e orixe incertas.

Como mera hipótese, poderíamos interpretar este topónimo como de orixe pre-latina, nun elemento *kat(t)- e, talvez, seguiría un Iuias. Para máis detalles sobre a "Ibias", ver entrada nesta páxina. Para detalles sobre a raíz kat(t), ver entrada específica do blog Pena da Cataverna

AS CAVADAS (Barreiros)
Alén do significado máis común referido a "terreo que foi cavado, xeralmente para dedicalo a cultivo", o apelativo "cavada" tén a acepción antiga de "foxo" (cf. DdD), do latín caua 'gabia, cova'.

O alemán G. Schulz, a mediados do século XIX, describía un método de cultivo que consistía nas "rozas" ou "cavadas”, usado en montes e zonas pendentes do oeste de Asturias e parte de Galicia “cuya cubierta vegetal se cava, seca y quema una vez cada cierto número de años, sembrando y recogiendo una cosecha de trigo, a la que sirve de abono la ceniza de la vegetación quemada”.
Podería ser, por tanto, un sinónimo de "rozas".

AS CORNAS (Benquerencia)
Ver "A Corneira".


AS CORTIÑAS (Benquerencia)
Ver "A Cortiña".

AS ENGROBIAS (Benquerencia)
Unha "engrobia" ou "engroba" é un desfiladeiro, paso estreito entre montes ou outeiros. Cf. DdD.

AS FACHAS (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario define "facha" como "antorcha de palla para alumarse de noite nos caminos" (cf. X. L. Franco DdD), e Rivas como unha “hacha, raja de leña para quemar” (cf. DdD).

Sería o mesmo que facho, con matices posibelmente de tamaño. Sarmiento sinalaba para facho:
 .. "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro"...

Canto á etimoloxía de "facha", é incerta. Corominas derívaa dunha voz *fascula, usando o socorrido "cruce" , entre facula 'fachuzo' e de fascis 'feixe'.

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra na bibarra outras As Fachas en Viveiro.

AS GRANDAS (Benquerencia)
AS GRANDAS (San Xusto de Cabarcos)
Ver "A Granda".

AS LAGOELAS (Barreiros)
Do latín lacunella, dimintivo de "lagoa". Ver "A Lagoa".


AS LÓNGARAS (Barreiros)
Está atestado o "porto de longoras" (sic) no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia.

Topónimo que alude a (terras) lóngaras, 'terras alongadas'. En efecto, o termo "lóngara" está recollido en galego co significado de "terreo de forma alongada" (cf. Rivas Quintas,  Frampas). 

En canto á etimoloxía, termo "longara" xa aparece atestado en documentos galegos en latín do ano 936 (cf. CODOLGA):
estremiro, ipsa terra que iacet de vallo usque in Longara, ipsa vinea cum suos pumares, et ipsa terra
Ao non aparecer atestado ningunha vez nin "longula" nin "longola", podemos pensar que non deriva de longula, senón directamente do sufixo -ara, tal como gándara.

AS PALLAREGAS (Cabarcos, Reinante)
O termo "pallarega" tén tres acepcións, que poderían encaixar co topónimo: Casa pequena cuberta con palla. Palleiro. Restrebas.

Por outro lado, o sufixo -ega  semella estar ligado por veces ao cultivo dos cereais, así atopamos tamén "Millarega" (millo miúdo) ou a "Escanarega" (escanla). Por iso, a interpretación alternativa sería que a motivación do topónimo foi para referirse a unha zona que cultivou trigo ou centeo, e que presumiblemente era propicia para iso.

AS PRADIAS (Vilamartín Pequeno)
Lugar onde hai (houbo) pradairos.
O termo "pradia" tén o mesmo significado que "pradairo", a árbore de nome científico Acer pseudoplatanus (cf. DdD).

En efecto, Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente no Valadouro, Alfoz, Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

AS PRAZAS (Cabarcos)
O termo "praza", á parte do significado común de "lugar espacioso e público, destinado a paseo, mercado ou festas", tamén remite por veces, no rural, a unha "extensión grande de terra de cultivo dividida en leiras ou agros que pertencen a distintos donos", sinónimo por tanto de "agra". O feito de estar en plural, semella reforzar esta interpretación.

AS RODRIGAS (San Xusto de Cabarcos)
Os dicionarios definen "rodriga" como acción de rodrigar, que consiste en poñer estacas ás vides, "atar con vimes os rodrigóns ás cepas e sarmientos" (cf. DdD).
Indicaría, posiblemente, viñas con rodrigóns (estacadas).
Descoñecemos o lugar, co que tampouco podemos descartar que derive de "as (terras) rodrigas", pertencentes á familia dun posesor chamado Rodrigo.

AS SAÍÑAS (Cabarcos)
AS SAÍÑAS (Celeiro de Mariñaos)
Unha "saíña"designa un lugar onde abunda o sal ou se produce o sal. Cf. DdD.
Unha "saíña",  do latín salina, debe aludir polo xeral a terreos con alto contido en sal, indicando posibelmente una baixa fertilidade do terreo. Pode tratarse de mineralizacións fortes producidas polo fluxo lento desde o acuífero (ou tamén dun regato próximo) ata a superficie do terreo.
Lembremos que neste mesmo concello temos tamén Sargadelos, que deriva de Salgadelos, diminutivo plural de "salgado".
O lugar deste nome de Celeiro de Mariñaos queda á beira do Río Masma, o cal parece reforzar a interpretación indicada. Este lugar de Celeiro de Mariñaos debe ser o que figura como «Saynnas» nun documento  do ano 1449 (cf. E. Cal, 2006. "Tumbos de la Catedral de Mondoñedo. Tumbo pechado:transcripción íntegra de sus documentos").

O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén outras Saíñas en Xove, en Cervo, no Valadouro, un Saiñal en Mogor (Mañón), etc.

AS VENEIRAS (Benquerencia)
AS VENEIRAS (Barreiros)
Este topónimo, do castelán "venera/venero" 'manancial', 'alude á existencia dun filón ou mina de mineral, moitas das veces de ferro. 
Nas Veneiras de Benquerencia houbo unha explotación de mineral de ferro no lugar da Barranca.

ATALAIA (Benquerencia)
Lugar de vixilancia, talvez das baleas e similares que entraban na ría. Atalaia deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ "os sentinelas"; temos a voz "atalaieiro" co sentido de "vixilante, outeador de baleas". A este respecto, ver topónimo "A Balea".

BARREIROS (Barreiros)
Os topónimos "Barreiro(s)" e "Barreira(s)", 
topónimos frecuentes  na  toponimia  galega, derivan en xeral do sustantivo común "barro" ‘arxila, lama’, de orixe prelatina,  mediante o sufixo -eiro (< latín -ārĭŭ). 
Porén, nalgúns casos están ligados cos nomes barra ou barreira e aluden á orografía. O  máis  probable  é  que este Barreiros  proceda  da  derivación  de  barro tal como indicamos, e aluda a un lugar onde abundaría o barro, posiblemente onde se extraía barro ("barreira"). Tamén puido remitir a un grupo de 'persoa que traballa co barro, oleiro', pois é outra acepción que os dicionarios tamén recollen.

Este lugar figura rexistrado nun documento do Tombo de Lourenzá do ano 1101:
  '... territorio Barrarios, loco predicto Uilla Cesar, secus litus Aqua Lata, discurrente ecclesie sancti Petri, subtus mons Pausatorio...' (cf. CODOLGA: Tombo de Lourenzá).
No século XVIII atopámolo atestado como "Barreyros" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
É de notar que tamén xa aparece "sanctus Cosmedi" nun documento do ano 1124 (cf. E. Cal,1999 "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos"), e no ano 1221 aparece como «Sancti Cosme de Maritima» (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").

BELSAR (Barreiros)
De (uilla) *Belesarii, forma en xenitivo de Belesarius, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica, o cal non implica que o posesor fose desa orixe.
O Nomenclator rexistra outro Belsar en Ourol.

BENQUERENCIA
(Benquerencia)
O topónimo "Benquerencia" foi analizado por Piel, que indica a existencia de cinco "Bemquerença" en Portugal). 

No século XVIII atopámolo atestado como "Benquerencia". No mesmo documento atopamos outros dous en Extremadura e un en Toledo (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).
Piel incluíu este topónimo na lista de "nomes en aprezo", para os que atopa unha centena de nomes diferentes, incluíndo "Bemviver" (e o equivalente español Bembibre), Benfica ou Bemposta. 

Aínda que Piel non se pronuncia por unha interpretación con certeza para este conxunto de nomes, cre que serían topónimos "desiderativos", reflectindo os anceios dos fundadores (cf. p.13 de J. Piel, 1985. "O bem e o mal na tradição toponímica portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo XXX).

BRANDAO (Cabarcos)
Este topónimo, que dá nome a unha zona de prados, semella tratarse dun 
etnónimo e remitir á orixe dun antigo posesor, tal como acontece con topónimos como Asturao ou Mariñao. Descoñecemos a que lugar se pode referir un brandao. O máis próximo na zona sería Brandiz, na Pontenova, pero non parece encaixar.

Tampouco podemos descartar que se tratase dun antropónimo, talvez de Brandanus, o San Brandán irlandés. Ao analizar os cognado "Brandão" en Portugal, J. M. Piel relacionouno co San Brandán irlandés, e excluíu a hipótese dunha procedencia xermánica (na raíz Brand- , tal como teñen os topónimos Brandariz, Brandamil, Brandulfe, etc) (cf. p. 234, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).

CABANAS (Benquerencia)
O termo "Cabanas" remite a agrupamento de chozas ou de vivendas de uso temporal. A voz Cabanna / cabana na súa acepción de 'casa rústica elemental' xa se atopa ben atestado na documentación medieval.
Dada a súa situación a rentes da Praia de Cabanas, poidera aludir a cabanas feitas usando as covas existentes nesa praia.

CABARCOS (San Xulián de Cabarcos)
CABARCOS (San Xusto de Cabarcos)
Os dicionarios de galego definen "Cavarco" como "barranco profundo". Cf. DdD
Igualmente, cavarca ten o significado de "zanxa".Segundo o Bachiller Olea (Séc. XVI), cabarca é "valado de pedra"(cf. Filgueira Valverde. 1946. "El primer vocabulario gallego y su colector el bachiller Olea")
Etimoloxicamente, Cabarcos e cabarca provirían dun orónimo derivado da raíz indoeuropea *keu- coas acepcións tanto de 'inchar' como de 'cavidade, oco'. Da mesma orixe derivan, por exemplo, o galego "covo", e en latín cauus <*cou̯os e cauerna (cf. IEW 592-594), e no sentido de "inchar" os apelativos célticos no galés cawr <*cawar e no córnico caur 'xigante'. 

Alternatiamente, Cabarcos podería remitir a un grupo humano, tal como está tamén atestado para a 
civitas noroccidental dos Cabarci. Tal como indica Carlos Búa, o nome deste pobo derivaría do antropónimo Cabarus (cf. C. Búa, "Toponimia prelatina de Galicia"). Similamente foi interpretado por J. Villa-Amil como derivado do pobo dos Civarcos, mencionado por Plinio e situado entre a desembocadura dos ríos Masma e Eo. (cf. aquí).
Na Idade Media aparece novamente atestado o nome de Cibarcos ou Cabarcos, así na confirmación que Ordoño II outorga no 916 á igrexa de León, entre as que figura Sancti Justi de Cabarcos.

Por outro lado, Miguel Costa atribúelle orixe céltica e interprétao como "formaçom adjectiva sobre o protoindoeuropeo *kawar- 'gigante'"(cf. Frornarea).


En canto a "San Xulián", estamos perante unha castelanización. Na documentación medieval atopamos San Giao e San Jullao (pronuncias correspondentes con "Xiao" e "Xullao" actuais):

     ".. Afonso Fernandes et Juan Afonso moradores en San Giao de Cabarquos Lopo Yanes morador .." 1384 (CDMACM 141: 243)
     ".. Fernandes et Johan Affonso moradores en San Jullao de Cauarcos Lopo Yanes morador en Balboa et outros." 1384 (CDMACM 110: 180)

CACHÓN (Cabarcos)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CALÓN
(Barreiros)
O nome desta poboación posiblemente proceda de *(uilla) Callonii, dun antigo posesor chamado Callonius, nome de orixe latina.


CAMPO DOS BOIS, O  (Cabarcos)
Aínda que en xeral para o termo "boi" é difícil diferenciar as alusións aos animais deste nome fronte ás de rochas e penedos, neste topónimo semella ser probable o significado transparente relativo ao animal.
Ver "PORTO DE BOIS" para máis detalles.

CANDAEDO (Celeiro de Mariñaos)
O termo "candedo" indica un garabullal, un lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).

En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados: Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

CANDAMIL (Barreiros)
De *(uilla) Quendamiri, referindo a unha uilla ("explotación agrícola") dun antigo posesor chamado Quendamirus, nome de orixe xermánica.

CANDAOSA (San Miguel de Reinante)
CANDEAL (Cabarcos)
Está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia.
   "sube al sitio de candaosa y de este a un monton de piedras que llaman monpilleiras".

Os termos "Candaoso" e "Candeal" significan o mesmo que "Candaedo". Ver "CANDAEDO".

CANEIRO DA CARBALLA (Benquerencia)

CANEIRO DAS LANCHAS (San Miguel de Reinante)
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar. Por tanto, será "lugar pechado que cruza unha cale ou canal con auga".
Unha "carballa" é un carballo centenario.

CANTALARRANA (Benquerencia)

Os topónimos "Cantalarrana" e "Cantarrana", así como as (posiblemente novas) formas en galego Cantarrá abundan por toda a xeografía galega, tanto para núcleos de poboación como de terras. O topónimo Cantalarrana non só abunda en Galiza mais tamén por toda a xeografía española.
O significado directo do topónimo é transparente: un composto do verbo cantar e o zoónimo castelán rana ‘ra’.
Estes topónimo non son, por tanto, topónimos patrimoniais galegos, senón que aparecerían tardiamente, a partir da forma en castelán.
Amais das localidades chamadas Cantalarrana, tamén atopamos as correspondentes formas galegas Cantarrá en Mugardos e Ribadeo, así como Cantarrán en Salvaterra de Miño. Estas formas galegas semella seren recentes, probablemente a partir doutros Cantalarrana.
O etimólogo López Boullón, menciona documentación de 1664 dunha Cantalarran para unha herdade en Outes, así como nun documento de 1582 para unha rúa coruñesa de "Canta la Rana" (cf.  Xosé R. López, "Toponimia de Ames").
López Boullón postula que, tendo en conta o feito de moitos dos microtopónimos Cantalarrana galegos seren 'lugares próximos á igrexa parroquial, ou incluídos nas súas propiedades (ademais de húmidos, aptos para verse poboados polas ras que xustifican o nome) pode facer pensar que foron os párrocos os que difundiron este nome castelán “de repertorio” na toponimia rural galega a partir do século XVI'.

CAPELA DE SANTO ESTEVO DA PAGÁ (A Rigueira -lugar de Regosangüento)
Esta capela está rexistrada en 1124 como "S. Stephanus de Pagadi" (cf. p. 40 E. Cal. "
Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo" - web).

É de notar que, aínda que a evolución Pagadi > Pagá poida parecer estraña, é coherente coa que aconteceu p. ex. co topónimo Espá (As Pontes), que debe derivar de Aspadi. Outro exemplo é Cotá, aldea e parroquia de Friol, que aparece como n distintos nomes nos Tombos de
Sobrado como Cotae e Cotay.

CÁRQUIVA (Cabarcos)
Posiblemente o mesmo que "cárcava" 'barranco profundo, foso'.

CARRAL DE FÓRA (Barreiros)

O termo "carral", derivado do latín carralem  'do carro', ao ser aplicado a un topónimo refire a un camiño carral, para o paso de carros. Xa que logo, a orixe deste topónimo estará na existencia dun antigo camiño acondicionado para o paso de carros. 
Outro exemplo é en Ourol: o Catastro de Ensenada para a freguesía de Ourol (1753) vén recollido o "Porto de Carral", paso de montaña que tería un camiño de carros.

CARRICEIRAS (Cabarcos, Reinante)
Os termos "carriceira" e "carrizal" indican un lugar onde abunda a "carriza".

CARTAS (Barreiros, Reinante)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.

Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.
Reforzando a hipótese das partillas:
"As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
"As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido,
En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e "As oitavas".
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei. Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.


CASA DO ESTURAO (San Xusto de Cabarcos)
Sen coñecermos a historia deste pazo, podemos supoñoer que o nome  estea referido ao apelido ou alcume do antigo posesor.
O termo "esturao" remite a un oriúndo de Asturias. Trátase por tanto dun etnónimo, correspondente coa forma patrimonial galega para "asturiano". Dada a proximidade con Asturias, talvez  haxa que interpretalo nun senso máis amplo, o antigo convento astur, en referencia a mozárabes vidos desas zonas de fronteira co mundo musulmán que se refuxiaban nas terras cristiás.

CASALDEITE (San Miguel de Reinante)
Este topónimo figura xa atestado como Casallayte no ano 1465 ao referir a unha persoa do lugar:
" .. Rauco Petro de Meyrengos et Luppo de Casallayte .."

Seguindo a Martínez Lema e a Nicandro Ares, viría dun "Casal de Eita", casal dun posesor chamado Eita, nome rexistrado na Idade Media -- cf. p. 1138 . N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega". Cf. P. Martínez, 2006, "Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte (Lugo)".
Para o termo "casal", ver "O CASAL".

CELEIRO DE MARIÑAOS (Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo figura xa atestado .

O topónimo "Celeiro" vén do latín tardío cellarium, e faría referencia a "edificación para despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo". 
Na Idade Media, estas construcións eran parte do entorno dunha casa rural, granxa ou entidade monástica. A súa función era de lugares para a conservación e procesamento de produtos, maiormente cereais e viño, para o cal dispoñían de arcas para gardar a gra e cubas para gardar o viño (cf. p. 201, X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil").

O "Celeiro" que nos ocupa, aparece atestado nun documento do Tombo de Lourenzá, no ano 969 como "Uilla Celeyro" e mais "Uilla Celleiro". Tamén figura no 1124 como "sancta Christina de Cellario" (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").
No século XVIII atopámolo co nome actual castelanizado como "Cillero de Mariñaos" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

Canto a "Mariñaos", debe referir ao xentilicio, a habitantes da Mariña. Porén, figura atestado como Morinianos no 1106, mais semella unha gralla do escriba.

CERRADA VELLA (Cabarcos)
CERRADO DA CANOURA (Celeiro de Mariñaos)
CERRADO DA CAPELA (Cabarcos)
CERRADO GRANDE (Varios)
CERRADO NOVO (Varios)
CERRADO VELLO (Varios)
Os topónimos "cerrado" e "cerrada" remiten no xeral a unha finca rodeada de muro, moitas veces muro baixo, dun metro ou meno. En masculino, "cerrado", costuman aludir a un (monte) cerrado.
Posiblemente referido a unha persoa de apelido "Canoura", frecuente na Mariña luguesa (cf. aquí). O apelativo "canoura" designa, en galego e en portugués, a "caixa por onde cae a gra sobre a pedra do muíño".

CHAO DO RAÑÓN (Cabarcos)
Tamén existe "Costa do Rañón" na mesma parroquia.
Ver "O RAÑÓN".

CIMBRO (Celeiro de Mariñaos)
O dicionario define "cimbro" como forma antiga para "cume, cima" (cf. DdD).

COÍDO (San Miguel de Reinante, Benquerencia)
Un coído designa un conxunto de coios, "pelouros".

COIRA (Cabarcos)

Este topónimo Coira xa figura atestado en 1139 como "monte Cauria". Tamén figura o "rego de Coira" no Catastro de Ensenada de S. Xulián de Cabarcos  (1753) ao detallar os muíños da freguesía.

Os topónimos "Coira", "Coiro", "Coirón" son relativamente frecuentes en Galiza e no resto da antiga Gallaecia, incluíndo Coura e Paredes de Coura en Portugal, e "Coria" en Cantabria e en Cáceres 
Seguindo a Martínez Lema, trátase dun topónimo de orixe prerromana. Os rexistros escritos máis antigos dalgúns deles permiten establecer un étimo kauria, "«depresións ou concavidades relevantes no terreo" segundo o citado autor. De orixe e sentido controvertidos, aínda que se cre proviría dun tema oronímico *kaur- derivado da raíz indoeuropea *keu- 'inchar; cavidade, oco' ou a montaña elevada ("convexidades")
Con orixe na mesma raíz estarán, por exemplo, o galego "covo" e "cova", do latín cauus (<*cou̯os) e cauerna (cf. IEW 592-594). 
De feito, tamen o topónimo "Cabarcos", que dá nome á freguesía na que se atopa, tería orixe na mesma raíz *keu-.
O sufixo -ĭa é frecuente tamén na toponima prerromana, incluíndo a hidronimia paleoeuropea.

CONGOSTRIÑA (Barreiros)
Ver "A Congostra Cega".

CORNEIRA (Celeiro de Mariñaos)

CORNERÍA (Celeiro de Mariñaos)
Posiblemente referido a lugar pedregoso, con orixe na raíz prelatina *kor- 'pedra, altura rochosa'. É un topónimo relativamente frecuente en Galiza.
Así, Cabeza Quiles interpréta os topónimos Corn-, Carn- como de orixe céltica ou precéltica, derivado do tema *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza, 2014. "A toponimia celta de Galicia"). 
Por outro lado, Navaza, para topónimos similares, apunta a un termo derivado de "corno" nun sentido metafórico orográfico (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").
No Catastro de Ensenada de Vilaronte (1753) está atestado como Coto de Cornaría, ao delimitar a freguesía.
Tamén está atestado "CORNIA" no Catastro de Ensenada de Celeiro de Mariñaos (1753) ao detallar os límites da freguesia: "subiendo por los montes hasta el monte y coto de cornia". Tamén no mesmo documento se  atesta "A PENA DOS CORNOS" ao enumerar os muíños da freguesía.

CORTIÑA DA MAESA (Barreiros)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA". Canto a "Maesa", é a forma antiga para "mestra", podendo aludir ao oficio dunha antiga propietaria, ou ao seu apelido. Cf. DdD
E. Rivas, na súa "Toponimia de Marín", indica que "Maeso, maesa, serían de uso entre menestrales y artesanos; mestro, mestra, entre gente estudiada".
En Alfoz hai tamén un "Barrio do Maeso".

CORTIÑA DE AENLLE (Cabarcos)
Para "cortiña", ver "A Cortiña".
Canto a "Aenlle", 
alude ao apelido dun antigo posesor deste lugar. Este apelido é frecuente na Mariña Oriental, en particular en Trabada (cf. Cartografía dos apelidos de Galicia - Instituto da Lingua Galega). Manuel Vázquez Seijas, en "Fortalezas de Lugo y su provincia", atribúe a casa matriz de Aenlle no lugar de Pividal (Trabada).

Este apelido deriva á súa vez  a un núcleo de poboación Aenlle, que descoñecemos onde estaba localizado. Ese nome do núcleo de poboación, vén dunha forma en xenitivo, que podería ser *(uilla) Aneldi, forma en xenitivo  de Aneldi ou Anelius, nome do antigo posesor da dita uilla (granxa, casal).
O nome Aneldi ten orixe xermánica (Piel-Kremer recollen "Anelde", formado de An- 'antepasado' e -ildi de hildi 'combate'). 

No entanto, este antropónimo concreto é apenas unha posibilidade entre outras varias, como de Anelli (de Anellus) ou de Anelti (de Aneltus),  ou incluso Anelius, de orixe prerromana, que aparece frecuentemente entre os Vetóns e os Lusitanos (cf. aquí). 

CORTIÑA DE GAMBOA (Barreiros)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA". Canto a "gamboa", aínda que sexa infrecuente, en Galiza tamén se rexistra o apelido Gamboa, polo que ben pode ser que se aluda a un posesor do predio. Sería un caso similar ao que ocorre cun "Vilar da Gamboa" que o Proxecto Toponimia de Galicia rexistra en Vilalba.

Por outro lado, encaixa perfectamente a acepción que se conserva no portugués brasileiro de "Pequeno esteiro que só tem água durante a maré cheia" (cf. Dic. Priberam). Tamén se rexistra de Vigo á Guarda unha acepción para gamboa de "cala peuena que hai entre os cons". (cf. F. Fdez. Rei, "No mar todo se move: Áreas Léxicas na Nomenclatura da fauna marítima da Gallaecia").
Para o lugar de Barreiros que nos ocupa, encaixaría perfectamente, pois está enfrente dunha pequena cala na praia, en efecto un moi pequeno esteiro, e de feito a praia chámase de Remior (=río Menor).

Canto á etmoloxía, o pofesor Navaza relaciona as voces camboa e gamboa con "camba", de orixe prerromana. Pon exemplos do uso toponímico como Peirao da Comboa (Vilagarcía), Praia da Comboa (Illa de Arousa), etc (cf. G. Navaza. "Note sulla toponimia del litorale della Galizia").

CORTIÑA DE MEIGODE (Reinante)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA".
Canto a "Meigode", estamos ante un "nome de posesor" orixinado na Alta Idade Media. En concreto, viría dun (uilla) Maigoti, forma en xenitivo de Maigotus, aludindo á uilla (casal, granxa) ou terras dun posesor medieval. O nome é de orixe xermánica (de maht "poderoso" + gothu "godo"). 

CORTIÑA DE MIRANDA
(Cabarcos)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA".
Canto a "Miranda", indica o apelido dun antigo posesor. 

Este apelido é frecuente na Mariña Oriental, en particular na Pontenova, que foi un dos lugares onde xurdiu o apelido - cf. Cartografía dos apelidos de Galicia.
O topónimo Miranda é de orixe prerromana.

CORTIÑA DE SEIVANE
(Celeiro de Mariñaos)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA".
Canto a "Seivane", indica o apelido dun antigo posesor. Este apelido é frecuente na Mariña Oriental, en particular en Lourenzá e na Pastoriza.  Deriva de Sanctus Iohannes (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para *Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluiu para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.

CORTIÑA DO VALEGO (Celeiro de Mariñaos)
Para "cortiña", ver "A CORTIÑA".
Canto a Valego, remite á orixe antigo posesor, pois é o xentilicio dos de Vilanova de Lourenzá.

CORTIÑA VELLA (Cabarcos)
Ver "A CORTIÑA".

COSTA DO RAÑÓN (Cabarcos)
Ver "Chao do Rañón", na mesma parroquia.

O COUTO (Cabarcos)
Este topónimo figura atestado nun documento do ano 1467 ao referirse a un  «Juan do Couto» (cf. E. Cal. "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo" - web).
Canto ao significado de "couto", podemos citar a explicación de Martínez Lema:
O substantivo couto (común ao portugués e cuxo equivalente castelán é coto), procedente do latín cautu, que á súa vez era o participio do verbo caveo ‘vedar, gardar, defender’. A voz couto pode designar unha extensión de monte valado e coutado, ou, en xeral, un terreo máis ou menos extenso dedicado a monte. No cadro xurisdicional do Antigo Réxime, herdado en boa medida da Idade Media, o couto era un conxunto de varios núcleos de poboación que constituían un feudo e que, por
estaren sometidos directamente ao señor (quer laico quer eclesiástico), gozaban da exención de certas cargas. (cf. P. Martínez, 2018. "Toponimia de Begonte e Rábade").

CURRO, O (San Miguel de Reinante)
O termo "curro" é recollido nos dicionarios con diversas acepcións. Para un topónimo, a máis probable é a común, definida no dicionario de Eladio Rodríguez como "lugar descuberto e cercado onde se encerran as cabalarías que se crían no monte para marcalas". Cf. DdD.

ESCOURIDAL (San Xusto de Cabarcos)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

A ESPIÑEIRA (Barreiros)
Este lugar aparece xa nun documento do ano 1395 ao mencionar a "ponte da Espyneyra" (cf. CDMACM = E. Cal,1999 "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos").
O topónimo remite a un lugar no que abundaban os espiños (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega"). Os espiños permitían enxertar neles varias clases de árbores froiteiras, ales como pereiras e maciñeiras.

ESPASANTE (Barreiros)
Este lugar, xa desaparecido, está atestado no Catastro de Ensenada de Barreiros (1753) ao detallar os muíños da freguesía e tamén os límites da freguesia. Igualmente figura no de Celeiro de Mariñaos ao detallar os muíños.

O nome proviría de (uilla) Spasandi, indicando unha uilla (granxa, explotación agrícola) dun posesor medieval chamado Spasandus, nome de orixe xermánica.
En efecto esta é a orixe que postula Nicandro Ares, que se basa en dous casos, un de Vilaspasantes (Cervantes) que na Idade Media está atestado como Vila Espasende en 1282 e outro Espasantes, en Pantón, atestado como (ecclesia de) Spasandi en 1244 . Cf. p. 1123, N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol II.

ESTEIRO (Barreiros)
O mesmo que "estuario", pequena "enseada", xeralmente formada pola desembocadura dun río ou regato.

FIEIRO (Barreiros, Benquerencia)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de Barreiros (1753) ao establecer os límites da freguesía:
     ..."coba de Areas de la que sale ala Veiga de fieiro"..
Proviría de (locus) fenarius, "lugar onde se garda o feo" (cf. Du Cange. "Glossarium mediæ et infimæ latinitatis").

FIGUEIRIDO (San Miguel de Reinante)
Topónimo transparente: lugar onde abundan (ou abundaron) as figueiras.

FIXOUCOS (Cabarcos)
Nota: este mesmo lugar é chamado tamén "Navallos".
Figura o "Río de Fexoucos" no Catastro de Ensenada de S. Xusto de Cabarcos (1753) e mais na de Celeiro de Mariñaos ao delimitar as ditas freguesías.

O termo "fixoucos" é unha forma derivada de "foxoucos", plural de "foxouco", diminutivo de "foxo". O apelativo "foxo" (en portugués fojo), indica un furado grande na terra. Vén do latín medieval fogiu, do latín clásico foveum

A evolución Foxoucos>Fixoucos non ten nada de particular, tratándose dunha palatalización de vocais átonas en posición pretónica diante de palatal, tal como aconteceu con Toxoso > Tixoso, folloa>filloa (cf. P. Martínez aquí), ou no caso análogo de "Fixoa" nas Negradas.
En xeral, o sufixo "-ouco" é de orixe prerromana, aínda que tamén seguiu produtivo no romance, así "pedrouco", "penouco".

FONTABOR (Barreiros)
De Fonte(m) Avioli, remitindo a un 
Aviolus , que debeu ser o antigo posesor do lugar.
Aviolus era a forma en diminutivo de Avius, nome de orixe latina.
Atopase tamén nesta freguesía PENABOR; ambos topónimos reafirman esta orixe antroponímica.

FONTAO (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo, correspondente a un núcleo de poboación no caso de S. Xusto e dun terreo no caso de Celeiro, poden aludir tanto ao apelido dun antigo posesor, como tamén á existencia dunha fonte (a través do 
latín medieval (agru) fontanu, derivado de fons "fonte", cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").

FONTARDÍN (San Miguel de Reinante)
Este topónimo, deriva dun 
"Fonte Ardini",  remite a un antigo posesor (ou arranxador) da fonte chamado Ardinus, nome medieval de orixe xermánica.
Como indicado noutros casos, o feito de ser un nome de orixe xermánica non indica que o posesor tivese tal orixe, senón é debido á popularidade dos nomes desta orixe xermánica na Idade Media.


FONTE DO PARDEIRO (S. Xusto de Cabarcos)
Debe remitir ao apelido Pardeiro da persoa que facería ou encargaría esta cruz. En efecto, nos nomes de fontes, na microtoponimia, é frecuente que vaian acompañado dun nome persoal, sobrenome ou profesión.
O apelido Pardeiro ten, de feito, a maior frcuencia no concello de Alfoz (cf.CAG) e, por tanto, debeu ser nese concello onde surxiu.
A orixe deste apelido Pardeiro podería provir do adxectivo pardeiro 'cor tirando a parda' ou relativo a "parede", talvez como alcume indicando profesión.

FONTE DO MINGOLERO (San Miguel de Reinante)
A forma "Mingolero" semella ter carácter xocoso, e ser derivada do termo "Mingolo", o cal é un hipocorístico de Mingos ou Domingos. Podemos pensar que aludiría ao construtor da fonte.

FONTE DOS ULLEIROS (San Miguel de Reinante)
Un "ulleiro" remite a un "lugar onde nace a auga", "manancial en sitio chan", "pantano". Cf. DdD.

FONTEMEIMIL (San Miguel de Reinante)
Este topónimo refire a unha fonte dun antigo posesor medieval con nome de orixe xermánica, tal como indica a terminación "-mil", derivada dunha forma de xenitivo en -miri. Como hipótese, podemos pensar no nome Malimirus ou similar.

GONDÁN (Cabarcos)
De (uilla) *Gundani, forma en xenitivo de Gundanus, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica, dunha raíz xermánica *gunthz 'loita'.
Este lugar figura con este nome no Catastro de Ensenada (1752) da freguesía de Cabarcos.

GOXA DA FOLGUEIROSA (Barreiros)
Na Mariña Oriental, unha "goxa" non se refire tanto a "cesta" senón a "hórreo", tal como ocorre na construción á que alude este microtopónimo.


GOXE (Barreiros)
Debe ter a orixe nun antigo (uilla/agru) *Gogii, forma en xenitivo de Gogius/Goggius, nome do antigo posesor, antropónimo documentado en inscricións latinas. En efecto, esta é a interpretación de Nicandro Ares para a poboación de "Goxe" existente na Fonsagrada (cf. N. Ares, 1990. "Lucensia" #23)

GRANDA DE ARCOS (Cabarcos)
Ver "A GRANDA" e "O ARCO" para os comentarios respectivos.
Podería tratarse de ser Arcos o apelido dun antigo posesor, mais non ten presenza este apelido na Mariña nin no centro da provincia.

IBIA (San Xusto de Cabarcos)
Este topónimo figura nun documento do no Tombo de Lourenzá do ano 969:
     " .. directo ad Sancto Laurencio unde ad Ibia et per iuga montis super Coarcos uia que uadit inter sancto Iusto et Rio Malo usque ad aqua Lidon .. »
Novamente figura noutro documento do Tombo de Lourenzá de 1087:
     [..] " ab aqua Luarenzane ingrediens Masmam ad regum Senrra usque ad mamulas Sancti Justi et per iuga montis usque Ibia .." [..]  (cf. CODOLGA).

Igualmente aparece no Catastro de Ensenada de S. Xusto de Cabarcos  (1753) ao detallar os muíños da freguesía.

Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga'. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

Similarmente atribúe X. L. García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 


É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón" 'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí M. Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").
A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e "-ón" son típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). No entanto, o apelativo "ibón" ténselle asignado unha orixe pirenaica non indoeuropea. De feito,
 J. Moralejo asígnalle a "A Ibia", con interrogantes, a orixe na raíz non indoeuropea *ib-, presente en ibai, ibar, ibón (cf. J. J. Moralejo "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II").

Semella encaixar a orografía coa do aragonés ibón, no sentido dunha zona non moi grande, que fai cunca, que podería encharcarse. De feito, este Ibia está situado nunha pequena chaira, onde talvez apozaría a auga.
Preto da entrada a esta pequena chaira atópase "O Porto de Ibia", que está a rentes dunha finca chamada "A Lagoa".  Ver "O PORTO DE IBIA" para máis detalles.
Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así, hai "Rego da Ibia" en Oiras, outra "A Ibia" no Valadouro, etc.

LABANQUEIRA (San Xusto de Cabarcos)
Topónimo que alude a un "lugar onde abundan os lavancos".

A acepción de  lavanco ou labanco que debamos interpretar xa é máis complicada.
Pode referir á ave  "lavanco", que nos dicionarios de galego rexistran como unha especie de parrulos. Encaixaría do mesmo modo que existen "Gralleira" e "Corveira" ou incluso "Laverqueira" (de lavercas) en Oímbra (Ourense). No entanto, atopamos un topónimo "Lavanciños" en Lagoa, para o que é estraño que a forma en diminutivo aluda a esta ave, e tampouco parece que encaixaría no caso do topónimo en femenino "A Lavanca" existente en Ribadeo. Porén, poden encaixar como alcumes de antigos posesores dos predios.

Alternativamente, pode aludir á acepción de "pedra grande" (cf. A. Otero "Algunas adiciones al léxico hispánico", CEG XXIV). Deste modo, referiría a un "peloural".

Finalmente, para "lavanco", Corominas interprétao como resultado dunha disimilación da orixinaria "navanco" (cf. J. Corominas DCECH, s.v. lavanco), derivado do apelativo de orixe prerromana "nava" 'lugar pantanoso en despoboado', de aí que o frecuentasen os parrulos bravíos. É por tanto unha forma derivada de "nava",  o mesmo que deriva tamén o topónimo "Navallo". Porén, ten pouo sentido toponímico, polo menos no caso do "Lavanciños", que exista un pequeno lugar que sexa un conxunto de navas. O mesmo acontece con este  topónimo Lavanqueira.

Aínda que o dicionario define "lavanqueira" como un tipo de "alga fina e longa de cor verde" (cf. M. do Carme Ríos aquí), esa acepción soamente está rexistrada en Camariñas, e non parece que encaixe neste caso. 

Para máis discusións e detalle sobre etimoloxía da palabra consultar o indicado para "O Lavanco"  no blog "Toponimia de Alfoz".

LADRIDO (San Xusto de Cabarcos)
Este lugar «de Ladrido» figura no Catastro de Ensenada (1752) da parroquia de San Xusto de Cabarcos.

É un topónimo relativamente frecuente en Galiza, tanto na forma Ladrido (en Ourol, en Ortigueira, en Samos, en Meis, ) como Ladredo(s) (en Parada de Sil, en Calvos de Randín, en Carballedo, en Muíños, en Manzaneda, en Celanova), Ladride (en Fazouro, en Palas de Rei, en Santiso, no Pino) e Ladreda (en Chantada, en Santiso, ..).

Debe tratarse dun hidrónimo, derivado do tema prerromano *lat-r- 'terreo pantanoso', de orixe céltica ou antigoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *lat- "pantano, lameiro, lama". Sería o mesmo que no caso do "río Ladra" (e o seu afluente "A Ladrela" en Xermade),  documentado no ano 572 como Latra (cf. CODOLGA). Indicaría, por tanto, un lameiro ou algo similar.

O topónimo "Ladrido" é frecuente na toponimia, así atopámolo en Samos, Meis, Barreiros, Ponteceso, e tamén "O Ladrido" en Arteixo e en Brión; ademais, aparece un "muíño de Ladrido" en Foz, e un "O lastrón de Ladrido" en Ferrol. Atopamos tamén coa forma "Ladride" en Foz, Baleira, Palas de Rei e Santiso. Así mesmo, aparecen Ladredo. Outros topónimos próximos similares son "O Campo da Ladra" nas Ribeiras (Mañón), "Pena Ladra" na Balsa (Muras). O Catastro de Ensenada de 1753 tamén rexistra un "Lugar de Ladrido" en S. Xulián de Cabarcos (Barreiros).

Por outro lado,  González-Quevedo (cf. R. González-Quevedo, 2001. "La Fala de Palacios del Sil"), interpreta o lugar de L.ladréu (Palacios del Sil, León) como referencia á faldra do monte, derivándoo de latus, -eris ‘costado, lateral’. Similarmente, suxire ‘declive de un terreno’ Álvarez Maurín  para os topónimos Latreto, Latruero, Laterario (cf. M. Pilar Álvarez Maurín, 1994. "Diplomática asturleonesa. Terminología toponímica"). Isto encaixa coas ´voces galegas ladreal, ladrairo, que dan nome ás cainzas laterais do carro (cf. DdD).
Finalmente,  Navaza indicou que os topónimos Ladrido, Ladredo, poderían indicar abundancial de ladairos (latín vulgar latanariu); no entanto, tendo en conta a documentación antiga indicada, semella que debemos descartalo, dado que no ano 897 debería manter o "n" intervogálico.

LÓNGARA (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
Ver AS LONGARAS.

LOURIDO (Celeiro de Mariñaos)
Un "lourido" designa un lugar no que abundan os loureiros.

LEGOMORTO (Benquerencia)
Posiblente forma composta "Lego Morto". O termo "Lego" probablemente corresponda co castelán légano "barro pegadizo".
Para os termos casteláns légamo, légano, hai quen lles asigna unha orixe no indoeuropeo *legh- 'deitarse' (cf aquí), talvez relacionados co céltico *lega 'sedimento, capa' (cf. aquí).
Canto á terminación "morto", podería referirse a "parada, estancada". O topónimo "Legomorto" significaría, por tanto, algo como "Lama estancada".

LEIRA DA CERA (Benquerencia)
As denominacións Lámparas, Aceite, Santísimo, Aniversario, Ánimas, Novena, Responso, entre outras, costuman referirse a terreos que estaban ligados a ofrendas relixiosas. No caso desta Leira da CERA, debe ter a mesma motivación, ligada en testamento ao pago dunha cantidade de cera anual á igrexa. Foi un costume extendido ata hai pouco, atestado tanto en Galiza como fóra.

LUGAR DE FANDÍN (Celeiro de Mariñaos)
O termo "Fandín" deriva de Fandinus, nome de orixe xermánica. É dubidoso se procede da forma en xenitivo Fandini, da forma en acusativo Fandinum (da que deriva o apelido Fandiño), xa que esta zona é de transición entre a forma de sufixo -iño e a forma -ín.

LUGAR DE LEAS (Castelo)
Posiblemente este topónimo "Leas" teña orixe prerromana, nun tema indoeuropeo *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'. 

Probablemente sexa cognado do topónimo asturiano "Llena", que volve moi improbable que o termo "Leas" teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa'. Ademais, non tería explicación o seu uso tan frecuente na toponimia. 
Estaría relacionado con outros topónimos como "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co mencionado asturiano "Llena".


LUPIDE (Barreiros)
Podemos interpretalo como aludindo a un lugar costeiro no que abundan as lapas.
En efecto, trátase dunha zona de marisma, e ademais hai que ter en conta que na Mariña son frecuentes as formas abundanciais, tales como Mexilloíde (Xove), Pedride, Anide (Foz).
A evolución  de Lapide a Lupide sería explicada polo influxo da consoante bilabial, tal como ocorre en "somana" < semana.

MANDIAOS (San Xusto de Cabarcos)
A terminación en -aos fai probábel que se trate dun xentilicio. 
Podería remitir a uns antigos posesores provintes da Mandiá (As Somozas) ou incluso do val do Río Mandeo, aínda que este río queda lonxe, polo que semella máis probábel a procedencia das Somozas. Sería un caso similar ao de Ximaraos, que debe remitir a oriúndos de Xímarás (Muras).
Tamén relacionadas coa mesma orixe deben ser unhas terras A Mandiá en Muras, que semellan remitir ao lugar veciño da Mandiá nas Somozas. Todos eles teñen, por tanto, orixe directa ou indirecta nunha (uilla) Mandilani  altomedieval (granxa, explotación agrícola), indicando a pertenza a Mandila, nome do antigo posesor. É un nome de orixe xermánica.

MARZÁN (San Miguel de Reinante)
Está atestado o Rego de Marzán no Catastro de Ensenada de Stgo. de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia:
     ..."Area Longa y arroio que enella desemboca y nombran de marzan"..
Igualmente aparece no correspondente de S. Miguel de Reinante.

O topónimo provén dunha (uilla) Martiani, forma en xenitivo e Martianus, nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola), nome de orixe latina. Aínda que actualmente non é un núcleo de poboación, puido selo antigamente, ou alternativamente, referir a un agru máis que a unha uilla.
Tamén se podería interpretar como remitindo á orixe dun antigo posesor no cercano núcleo de poboación "Marzán", en Foz. Porén, dado que tamén hai a Fonte de Marzán, e o Rego de Marzán (Benquerencia), talvez encaixe mellor a hipótese primeira.

MASMA (Celeiro de Mariñaos)
O veciño río "Masma" deu nome a este núcleo de poboación. Non cremos que fose ao contrario, que este lugar dese nome ao río: o feito de un nome de río orixinar o nome do núcleo de poboación é frecuente na toponimia, fronte á rareza do fenómeno oposto, excepto para regatos, que non é este o caso.
Ver "Río MASMA".

MATOMAIOR (Cabarcos)
Composto de "Mato Maior".
Un "mato" é o mesmo que "matogueira", un "terreo con maleza e sen cultivar".
En canto a "Maior", podería indicar ou ben o tamaño do mato, ou, máis improbable, o nome dunha antiga posesora medieval, xa que Maior foi un nome común de muller na Idade Media.


MEAOS (Reinante)
O termo "meao" era a forma medieval por "mediano", "do medio". Por tanto, este topónimo alude a un "lugar situado no medio", pola súa situación equidistante entre dous determinados lugares. Noutros casos,  "meao" parece que máis ben aludiría á súa situación a media altura dunha elevación ou monte.

MERILLE (Barreiros)
Podería derivar de *(uilla) Mirelli, forma en xenitivo de Mirellus, remitindo ao nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola). É un nome de orixe xermánica.
De feito, Santa Baia de Merille (Ouro) é citado en 1124 como "sancta Eolalia de Mirel" (cf. CDMACM = E. Cal,1999 "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos").

Por outra banda, segundo o profesor Piel, viría de *(uilla) Maiorelli, forma en xenitivo de Maiorellus (cf. J. M. Piel, "
Sobre o sufixo -ellus, -ellus, -ella no onomástico tardio hispano-latino").

Aínda que tamén foi interpretado como relacionado coa raíz prerromana *mira, presente noutros topónimos como "Miranda" (cf.
 R. Pedrero, 1996 aquí), non o cremos probable, pois a terminación "-ille" semella remitir claramente a un xenitivo de nome "possessor" medieval. Así, se consultamos as ocorrencias do topónimo "Merille" en Galiza (cf. aquí), observamos que están asociados a núcleos de poboación, o cal parece reforzar esta interpretación.

MILLARES (Benquerencia)
Plural de "Millar",  na acepción de "millarido, lugar onde se planta millo", referido ao "millo miúdo" (o que era chamado "millo" antes de chegar o millo da América).

MOLEDO (Santiago de Reinante)
O termo "moledo" pode corresponder co 
molletum rexistrado no latín medieval, co significado de "rochedo, colina" (cf. Du Cange). Aínda que esta acepción non a atopemos nos dicionarios de galego, si se atopa nos dicionarios de portugués, xunto coa acepción relacionada de "monte, xeralmente cónico, formado por pequenas pedras".

Por outro lado, Figueroa Panisse recolle para "moledo" a acepción de "Termo vulgar que indica rocha fortemente alterada (solo residual) que ainda preserva a estrutura e textura da rocha intacta" (cf. A. Figueroa, 1988. "O problema da fixaçao da linguagem científica numa lingua em vias de normalizaçao: O caso do galego"). O uso tería sido a partir de "pedra moleda". A forma "pedra morta", con significado similar, é usada na Mariña tamén.
No Vicedo existe a Praia de Moledos, con esta mesma acepción.

MUÍÑO DE BARCIA (Cabarcos)
Debe remitir ao apelido Barcia dun antigo posesor.
O dicionario define "varcia" como "terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, que é frecuentemente anegado por este". Cf. RAG.

MUÍÑO DE MIRANDA (Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
"Miranda" indica o apelido dun antigo posesor. Ver "Cortiña de Miranda".


NABÁS VELLOS (Cabarcos)
Plural de nabal. Un "nabal" foi orixinariamente un lugar apropiado para cultivar nabos, aínda que o nome pasou despois a ter un significado máis xeral de "terra moi frutífera” (cf. Taboada Cid).
Tamén Estraviz recolle a acepción para nabal de "a mellor terra" (cf. I. Alonso Estraviz, 2002. "Léxico não registado nos Dicionários Galegos" in Agália n.69 e 70).

NAVALLOS (Cabarcos)
O termo "navallos" posiblemente derivado de "nava", 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que se rexistra o topónimo "Os Covallos", derivado de cova.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), e tamén o salmantino "navazo" 'valle pantanoso', así como no aragonés "navajo" 'balsa para el ganado'. 
Hai cerca outro "Os Navallos" en Riobarba, así como "O Navallo" en Mañón e en Barreiros, e un "O Nabarego" en Mosende.
Nota: este mesmo lugar é chamado tamén "Fixoucos".

NOCELLIDO (Cabarcos)
Lugar onde abunda a "nocella", planta gramínea (Arrhenatherum elatius) que tén unha especie de nós na raíz.

NOVÁS (San Xusto de Cabarcos)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova. O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.

Este lugar figura atestado no Catastro de Ensenada (1752) para a parroquia de San Xusto de Cabarcos, ao mencionar un «Juan Rodríguez, el de Novás». 

O ACEVEDO (Cabarcos)
OS ACEVEDOS (Benquerencia)
Lugar onde abundan os acevos ou acivros.


O ANGUIEIRO (Vilamartín Pequeno)
Lugar próximo a unha zona de río onde abundan (abundaron) as "anguías".

O ARCO (Celeiro de Mariñaos)
O termo "Arco" podería remitir a unha antigo arco dunha edificación. 
Por outro lado, J. Moralejo indicou que parte dos topónimos "Arco" poderían ter orixe prerromana, sen relación directa co apelativo "arco", senón relativo co gado. Cf. J. Moralejo, 2005. "Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?", in A. Boullón et al "As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo".

O ARXADO (Cabarcos)
O termo "Arxado" posiblemente indique 'lugar de cepas estacadas ou cavadas', ou simplemente 'lugar que foi coberto de arxe antes da queima para estivada'. Así, no dicionario atopamos "arxe" 'toxo miúdo', e "arxoar" 'pór estacas ás cepas' (cf. DdD), en canto que o portugués conserva "arxar", no significado de 'cavar a viña' (cf. Priberam).
A etimoloxía parece ser prerromana: E. Bascuas, asígnalle unha posible orixe prerromana a unha serie de palabras que comezan por arx-, derivándoas da raíz indoeuropea *er-, 'fluír, moverse'. Cf. p. 98 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

O BARAÑEGO (Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de Stgo. de Reinante (1753) ao detallar os muíños da freguesia.

O topónimo presenta un sufixo -ego, abundancial con uso na toponimia da Mariña (Espiñarego, Craguñego, Cuncharego, Pallaregas, ).
O termo "varaña" deriva á súa vez de "vara", de orixe prerromana antigoeuropea, co sufixo -aña común en formacións de orixe tamén antigoeuropea.
E. Bascuas e outros autores derivan os topónimos "Vara" da forma hidronímica indoeuropea *awer- 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Pode indicar, por tanto, "lugar moi húmido". alternativamente, tampouco se pode descartar que derive do alcume dun antigo posesor, talvez por ser orixinario da Vara (Xove).


O BARDÓN (Cabarcos)
Aumentativo de barda 'valado, sebe de silvas, toxos,  'cerrume de fincas'. 
Na toponimia astur-leonesa recolle "Bardón" como 'bardial moi mesto ou tupido' (cf. A. Cano, 1987. "Nomes de ḷḷugar en Somiedu (Parroquia de Veigas). I. Fitotoponimia", in Lletres Asturianes, nº 23).

O BEQUE (Celeiro de Mariñaos)
Este topónimo é moi frecuente na comarca de Ferrol, aínda que tamén aparece noutras zonas de Galiza. Rivas Quintas derivou os topónimos "O Beque", 
"Os Beques" e "Os Bequiños" do céltico becc-/bicc-/picc- 'punta'  (cf. E. Rivas, 1982. "Toponimia de Marín". Anexo 18 de Verba). Da mesma opinión é Cabeza Quiles. Porén, a maioría destes topónimos aparecen en terreos mixtos, ou incluso prados, co cal é incerta a forza desa interpretación.

OS CABALEIROS (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
Topónimo que remite ao apelido ou oficio do antigo posesor destas terras. A forma en plural do apelido é, en efecto, común na toponimia galega.
O apelido Cabaleiro ten presenza aínda na actualidade na Mariña, co cal semella plausíbel que o topónimo remita ao apelido.
Máis improbábel, podería remitir directamente a lugar pertencente aos Templarios, ainda que descoñecemos a historia destes lugares.

O CADAVAL (San Miguel de Reinante)
Un "cadaval" é un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

O CALVARIO (San Xusto de Cabarcos)
Posiblemente referidos á existencia de cruces ligadas ao culto do Via Crucis.

O CAMPÓN (Barreiros, Benquerencia, Cabarcos, San Xusto de Cabarcos)
O termo "campón" indica un prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.


O CANTÍN (Cabarcos, Vilamartín Pequeno)
Forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo  "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, así como probablemente "O Canteiro" en Benquerencia.

O CANTEIRO (Benquerencia)
Forma derivada de "canto", ben no sentido de "recuncho" ou no de "pedra grande non labrada". O dicionario de  Carré Alvarellos recolle esta acepción de "recuncho", remitindo ás voces Canto e curruncho (cf. L.  Carré, 1951. "Diccionario galego-castelán"). 
A voz "canteiro" pode igualmente aludir a unha persoa dese oficio ou dese apelido. De feito, o apelido "Canteiro" xa figura atestado en Galiza no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

O CAÑÓ BRANCO (Benquerencia, Cabarcos, Reinante)
Rivas Quintas recolleu o apelativo "cañó" en Arante como "pedra silícea", e en Benquerencia como "Pedra arroxadiza". Talvez aluda a un callau "anaco de pedra liso e redondo, seixo" (cf. E. Rivas, 1988. "Frampas, contribución al diccionario gallego".
Ao ser en singular, podería tratarse dunha aplicación do nome como colectivo. Porén, dada a existencia deste "Cañó Branco" referido a unha pena, cremos que a interpretación aquí debe ser a de "penedo"nos tres casos. Precisamos dalguén do lugar que o confirme.

O CAÑOTO (Benquerencia)
O termo "cañoto" significa o mesmo que "canoto", " talo de certas plantas coma a col ou o millo". Outra acepción é a "parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta".
Para un topónimo, encaixa interpretalo como aludindo ao alcume ou apelido dun antigo posesor do lugar. Como apelido, xa figura atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). No entanto, non é un apelido frecuente nesta zona, segundo o CAG.
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra unha pena Os Cañotos no Valadouro, e uns prados en Xermade.

O CASAL (Barreiros)

O CASAL (San Xusto de Cabarcos)
O CASAL VELLO (Vilamartín Pequeno)
O termo casal provén do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASCABEIRO (Barreiros)
Aínda que non recollido polo dicionario, probablemente teña o mesmo significado que "cascabellal" e "cascallal". Ver "O CASCALLAL".

O CASCALLAL
(San Xusto de Cabarcos)
Un "cascabellal" ou "cascallal" é un lugar onde abunda o "cascabullo", as cascas. Escombreira.

O CAXIGAL (Barreiros, Celeiro de Mariñaos)
Un "caxigal" é un lugar onde abundan os caxigos.

O CHIBADOIRO (Barreiros, Benquerencia, Celeiro de Mariñaos)
O termo "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. DdD.

Canto á orixe deste apelativo, considérase unha forma deverbal a partir do latín vulgar seperare (<latín separare), de onde  o galego "xebrar" (cf. DCECH).
O dicionario de A. Otero inclúe con idéntico valor "xebrada".

O COBO (San Miguel de Reinante)
Grafía alternativa por  "O Covo", un lugar localizado nunha depresión do terreo, nunha concavidade orográfica. É por tanto análogo aos topónimos "A Cova", que para moitos deles adoitan indicar depresións do terreo, concavidade orográfica, xa que logo, non implicando que haxa unha furna ou caverna. A mesma opinión foi xa indicada por Navaza (cf. G. Navaza, 2007. "Toponimia de Catoira").
O significado literal de "covo" é o transparente de "fondo, cóncavo", tal como vén recollido xa no dicionario de Pintos (cf. DdD).

O COLADO (Barreiros)
O termo "colado" defíneo o dicionario como sinónimo de "cómbaro". Cf. DRAG

Neste caso, penso que encaixa mellor coa acepción que recollen outros dicionarios, de "parte menos elevada que hai entre dúas montañas ou cotos" (similar ao castelán collado e ao catalán coll).

O CORGO DE SANTA ANA (Cabarcos)
Os dicionarios rexistran "corgo" con varias acepcións, maiormente como "poza, charca", e nun sentido relacionado "pequenas foxas onde apoza a auga". Tén ademais o significado especializado de "poza onde se curte o liño".

Aínda que menos probable, ten tamén a acepción menos estendida de "corga, corredoira". Cf. DdD.

O COTARELO (Celeiro de Mariñaos)

Un "cotarelo" é un pequeno coto, outeiro, pequena colina (cf. DdD). 

O COVELO (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
Diminutivo de "covo", no sentido de "lugar no fondo dunha concavidade".

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008. "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

O CUCHAREGO (Cabarcos)

Probablemente se trate dun derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
Non cremos que teña relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña.

É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

OS GALIÑEIROS (Barreiros)
Os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver entrada específica no blog Pena da Cataverna para máis detalles.
Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada.

O ESCANLAR
(Benquerencia)
Abundancial de "escanla", do latín scandulam 'trigo candeal', indicando terreo plantado con escanla ou terreo que produce boa escanla (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega").

O FEAL DA PAULA (San Miguel de Reinante)
Un "feal" designa un herbal, un terreo que produce "feo" (cast. heno) (cf. aDdD).


O FERROL (San Xusto de Cabarcos)
De (uilla) Ferreoli, de Ferreolus. Aparece documentado cerca de 1160 como Ferrioli, en liña con esa hipótese. Cf. p. 123. de N. Ares "Estudos de toponimia galega".
O Nomenclator rexistra outros "Ferrol" próximos, como e.g. o da Rigueira (Xove).


FONTELA (Barreiros, Benquerencia, Celeiro de Mariñaos)
FONTELIÑA (Vilamartín Pequeno)
A voz "fontela" remite a unha fonte que ten un caudal moi escaso.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -ela ou directamente do latín fontanella(m). Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenla".
A forma "fonteliña", con dobre diminutivo, é interesante pois semella indicar que, cando se puxo este nome, a forma "fontela" xa non se identificaba con diminutivo.
A Fontela de Benquerencia debe ser, xa que está situada a rentes dun Castro, a que figura xa nun documento do ano 1295 (pois tamén menciona estar pegada á Viña de Su Castro):
 .. "a sua vinna da Fontaella que iaz cabo da pumarega de don Pedro Rodriguez o coygo con sua herdade et con todas suas aruores commo esta uallada arredor et o seu quarto da vinna de Su Castro". (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

O FORO (San Xulián de Cabarcos, Reinante)
Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

O GATÓN
(San Xusto de Cabarcos)
Topónimo que remite ao antigo posesor do lugar. Podería vir derivado directamente do alcume Gatón, pois xa figura como alcume na Idade Media (cf CODOLGA: "
Petrus diaconus cognomento Gatton" 889), ou ben dunha (uilla) Gattone ou Gattoni, indicando o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, expotación agrícola).
Atopamos tamén, da mesma orixe, un Gatoi no Valadouro e outro en Tordoia. Fóra de Galiza tamén ten certa frecuencia, así atopamos por exemplo un Villagatón en León.
O nome Gattone, tanto Piel como Kremer catalógano como un antropónimo de orixe incerta, talvez xermánica. Tampouco descartan nalgúns casos unha relación co lat. cattus 'gato'. Sinalan os topónimos galego e portugués Gatiande (A Co, Aveiro), que podería ter orixe nun  *Gattenandus (cf. HGN s.v. Gatt-) . 
Por outro lado, Nieto Ballester interprétao como orixinado no grego Agathone (cf. E. Nieto Ballester, "Ungatón (San Millán de Yécora, La Rioja), Hermesinda Gatónez: antroponimia griega en la onomástica española medieval"). Ten sentido no topónimo que nos ocupa, pois explicaría o artigo como reinterpretación do topónimo, ou sexa A-gatón > O-Gatón.

O GRANXO (San Xusto de Cabarcos)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. DdD.


GUXIDO (Celeiro de Mariñaos)
Significado e orixe incerta.

Talvez forma evoluída de "buxido", lugar onde abundan os buxos. A evolución sería similar á de volpe>golpe, ou suevos>suegos.
Esta interpretación é reforzada pola existencia do topónimo "A Guxeira", tamén nunha zona de ribeira e na mesma parroquia.

O LODEIRO (San Miguel de Reinante)
O termo "lodeiro" indica unha "lameira, terreo con lama".
Ten tamén unha segunda acepción de "árbore tamén chamada lamigueiro, lotus", aínda que é moito menos probable, por ser un topónimo frecuente demais para facer referencia a unha árbore incomún. Cf. DdD.

O LOMBAO (Cabarcos)
Topónimo pertencente aos comúns orónimos derivados do latín lumbum ‘lombo’ que designan elevacións suaves do terreo, combado, de forma sinuosa.


O MARCO (Cabarcos)
O termo "marco" indica a existencia, actual ou antiga, dun marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial). A orixe deste "marco" pode ser medieval, ou miliario romano, ou tamén podería tratarse dunha pedrafita ou menhir prehistórico.

O MORGOLLÓN (Benquerencia)
Os termos "Morgollón" e "Morgallón" teñen unha orixe probablemente prelatina.
Poden estar relacionados con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais', aínda que non semella probábel.
Tamén podemos rexeitar que derive de "margallón" 'desvergonzado', pois sería altamente improbable que na toponimia galega abundase máis "Morgallón" (tres ocorrencias) frente un único "Margallón", a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.

Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, aínda máis se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (e. g., F Villar, cf. aquí).
Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor- "auga detida", coherente coa localización dos varios "Morgallón" existentes na xeografía galega:
O lugar do Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí.
Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí.
Existe tamén un "montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña.

Alternativamente, o termo "Morgallón" podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea". Existe un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe nos radicais "mor-iko". Cf. aquí.
Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores indicadas.
Outra hipótese de orixe prerromana é a de derivar do céltico *morg-, provinte da raíz indoeuropea *mereg- 'marco, terra na fronteira' (Pokorny: IEW 738). Porén, non parece haber outros nomes derivados desta raíz que parezan confirmar a súa presenza no noso territorio.

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topònimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado como "Mogrovelio"en 921 (cf. aquí).

O MORTEIRO (San Xusto de Cabarcos)
Aquí "morteiro" estaría referido a "horta preto da casa, en particular onde se planta un viveiro de sementes".

O NABEGO (San Xusto de Cabarcos)
Probablemente remita á orixe "navega" dun posesor destes terreos. O xentilicio "navego" designa aos habitantes de Navia.

Parece descartable que aluda a un terreo "nabego", porque nese caso sería máis ben unha "nabega". O sufixo -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza tampouco recolle "nabego" nin "nabega" no seu estudo (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega").

O MOSQUEIRO (Cabarcos)
O termo "mosqueiro", do latín muscarium, referiría á abundancia de insectos que fan "moscar" o gado. Así o dicionario de Carré Alvarellos defíneo como 'lugar onde abundan as moscas' (cf. L. Carré,  1928-1931 - DdD). 
Tamén podería indicar o contrario; así xa fora do territorio galego atopamos nos dialectos navarro-aragoneses "mosquera" 'paraje con arboledo o matorrales altos donde sestea el ganado' (cf. J. A. Frago, "Toponimia navarro-aragonesa del Ebro (V)" in "Archivo de filologia aragonesa XXXVIII").

O NOVAL (San Xusto de Cabarcos)
De "o (agro) noval", de "finca nova". O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. DdD.

O PEDRÓN (Celeiro de Mariñaos)
O apelativo "pedrón" indica unha pedra fincada, pedrafita, ás veces simplemente un pedroulo ou pedrouzo. Cf. DdD.

Os topónimos "Padrón", "Pedrón" e "Padornelo" fan moitas veces referencia a unha pedra singular, probablemente arqueolóxica, un marco, un menhir, un miliario. É análogo ao portugués pedrão o padrão, para os que Machado (DEP) dá a seguinte atestación do século XIV
          “acharom sobre uũ pedram letras escritas dentro da pedra”.

O PENSO
(Barreiros)
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza; derivaría do latín pensum, participio de pendere, indicando un "terreo en pendente".

A PICOTA (Benquerencia)
A Picota designaba o pau espetado, poste ou columna no que se executaban as sentenzas ignominiosas impostas aos criminosos.  O dicionario de Marcial Valladares (1884) define "rollo" como "La picota, ú horca, hecha de piedra y en forma redonda, ó de columna. Era insignia de la jurisdiccion de villa, odiosa para los pueblos.." (Cf. DdD).
A Picota é sinónimo de Rollo, coa única diferencia que conceptualmnte a Picota podía estar situada en calquera lugar, en canto que o Rollo soamente se erguía nas vilas capital de señorío xurisdicional.
De feito, ao pé deste topónimo de Benquerencia atópase o topónimo "Rollo". Ambos os dous confirman a interpretación mutuamente.
O termo "picota" ten tamén a acepción de "cima dun monte", o cal non é o caso deste topónimo.

Para máis detalle, consultar a entrada "Algúns lugares de axustizamentos na Mariña e o Ortegal" no blog da "Pena da Cataverna".

O PIÑEIRO (Barreiros, Cabarcos)

Piñeiro está atestado no Catastro de Ensenada de Stgo. de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia: "fuente que se halla mas arriba del Lugar de Piñeiro".. 
O topónimo Piñeiro remite á existencia dunha árbore deste nomem, o cal pode aludir a un piñeiro illado que constituía unha referencia no territorio, nalgúns casos como linde. 
Tal como indica Gonzalo Navaza, resulta curioso o feito de ser moito máis frecuente  como topónimo a forma simple, Piñeiro, que as formas en plural, Piñeiros, ou as colectivas,. Parece ser que a explicación é que esta  árbore se estendeu tardiamente en Galiza, sobre todo desde o século XVIII, e que ata entón xeralmente eran exemplares illados.

O PLANTÍO (Reinante)
PLANTÍO DE CABANA (Cabarcos)
PLANTÍO DE RIBA (Cabarcos)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fanreferencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

PORTO DE BOIS, O  (Benquerencia)
Aínda que en xeral para o termo "boi" é difícil diferenciar as alusións aos animais deste nome fronte ás de rochas e penedos, neste topónimo semella ser probable o significado transparente relativo ao animal.
Autores como J. M. Piel identifican os relativamente frecuentes topónimos "Boi" co animal do mesmo nome. No entanto, pode tratarse dunha homonimia, e tratarse dunha raíz prelatina; de feito, moitas veces na toponimia galega os topónimos boi son relacionados con penas e rochedos ou penas (A Pena dos Bois, Boi Louro, Boi Pardo, Pedra de Boi, Serra do Boi). Se for este o caso, aludiría á situación ao pé dun penedo.

Dada esta homonimia, en xeral é dificil separar as alusións zoonímicas das litonímicas. Hai casos complexos de distinguir isoladamente, así  as "Pena dos Bois" existentes en Muras e nas Negradas poden tanto aludir á forma das penas, como tamén a unha tautoloxía na cal "Bois" teña unha orixe litonímica.

Nalgúns casos, a alusión zoonímica é improbable, a non ser que fose metaforicamente pola forma dos penedos, como pode ser no caso do cantil do "Porto dos Bois" en Portocelo ou do con "Os Bois" en Foz, ou de puntas costeiras como "Os Bois" de Cariño.

Por outro lado, hai casos como "O Chao dos Bois" e "O Campo dos Bois" que semellan aludiren a un lugar onde se reunirían estes animais domésticos, para pastar ou para outras actividades. 

O PORTO DE IBIA (San Xusto de Cabarcos)
Este Porto de Ibia está situado preto da entrada á pequena chaira onde está situado o lugar "Ibia". Fai, por tanto, honra do seu nome de "porto", na acepción de "paso de montaña".

Ver "IBIA" para máis detalles sobre o topónimo.

Este topónimo posiblemente se corresponda co "Puerto de Yuie" mencionado en 1305, nunha carta de privilexios outorgada por Fernando IV de Castela:
" ... la see et el coto de Sam Martino et el coto de Bretonia et todas las posessiones
que la eglesia auie desde el puerto de Yuie fasta Sant Martino .." 
(cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).

O RAÑÓN (Cabarcos)
Figura no Catastro de Ensenada de S. Xusto de Cabarcos  (1753) ao detallar os muíños da freguesía.

A voz "rañón" é o aumentativo de "raña". Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso.
Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc. O sentido topónimico sería, segundo Menéndez Pidal, un "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas ou por un desprendimento de pedras".
Nos dicionarios de galego figura "raña" coas acepcións "terreo alto e de monte pobre", e coa de "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Algúns suxeren para o topónimo unha raiz paleoeuropea *ra-*ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

O REAL (Celeiro de Mariñaos)
Probablemente, "Real" derive neste caso do latín riualis "á beira do río, ribeirán". As forma "Real" e "Rial" son frecuentes na toponimia menor de ríos.
Máis improbable, pode indicar posesión do rei, en particular o paso dun "Camiño Real", vía de comunicación construída a cargo do Estado.

O REBOLÍN
 (San Xulián de Cabarcos)

Diminutivo de "rebolo", referido a un renovo de carballo. En efecto, Gonzalo Navaza inclúe o fitotopónimo "Rebolo" no seu estudo de fitotoponimia. Non inclúe en concreto este caso en diminutivo (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

O RECANTO (San Miguel de Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia:
     ..."porto da pasada, Recanto y porto de longara"..
Un "recanto" indica un corruncho, esquina, lugar apartado.

REGO DE LOPO (Barreiros)
Toponimo que alude a unha persoa de nome Lopo, nome relativamente frecuente na Idade Media.

A REGUEIRA (Barreiros, San Xusto de Cabarcos)
Toponimo frecuente en Galiza e de significado transparente. Os dicionarios de galego definen regueira como "canle por onde baixa un rego de auga" (cf. RAG).

O lugar da Regueira de San Xusto de Cabarcos  figura atestado como "da Rigueira" no Catastro de Ensenada (1752) para esa parroquia.

O RENDO (San Xusto de Cabarcos, Reinante, Vilamartín Pequeno)
Un "Rendo" deriva do latín vulgar ranetu, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tratándose do nome dunha casa illada, tampouco se pode desbotar que "Rendo" se trate dun alcume do (antigo) posesor. No entanto, cremos descartable a hipótese que temos visto de que derive dun nome  de posesor Randus, de orixe xermánica: a evolución de Rando > Rendo é moi improbable, en canto que o "a" tónico talvez sexa a vogal máis estable no galego.

O RETORNO (San Xusto de Cabarcos)
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" teñen probablemente unha orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga", probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

O ROLLO (Benquerencia)
Este topónimo alude á antiga localización neste lugar dunha picota. De feito, o topónimo "Picota" dá nome ao predio que está a rentes deste. Ver "A PICOTA".
E. Rivas rexistrou en Marín o caso do "Outeiro do Rollo", que tamén é chamado "Outeiro da Forca". Cf. E. Rivas, "Toponimia de Marín".

O ROMEU (Barreiros)
Debe remitir ao apelido dun antigo posesor do lugar. O alcume Romeu xa está atestado no séc. XII (".. ego Pelagius Petri cognomento Romeu .." 1196 CODOLGA). O apelido ten certa frecuencia no  concello de Viveiro, e quedou tamén na toponimia de Muras (Porromeo=Pero Romeo), polo que é posíbel que a puidese ter antigamente neste concello tamén.
Alternativamente, poderíamos especular en que alude á orixe dun antigo posesor do lugar, da freguesía de San Román de Vilaestrofe (Cervo). Inclusive o apelido Romeo tamén pode ter a orixe nun individuo oriúndo desa freguesía, dado que o apelido se distribúe case en exclusiva no veciño Viveiro.

Canto á orixe do apelido e alcume tamén poderíamos pensar no adxectivo "romeu", "peregrino", orixinariamente peregrino que vai a Roma, mais xa na Idade Media, peregrino a Santiago.

O Nomenclator rexistra tamén a poboación da ROMIÑA en Celeiro de Mariñaos, que debe ter a mesma orixe.

O RUBIAL (Cabarcos)
Figura no Catastro de Ensenada de S. Xusto de Cabarcos  (1753) ao detallar os muíños da freguesía.

Topónimo que alude á caracterización do terreo "tirando a rubio" ("roibo", "vermello"). Posibelmente remite a terras barrentas. Hai quen o atrubúe á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Existe outro núcleo de poboación de nome análogo, "O Rubal" na Rigueira (Xove) e "Rubal" en Viveiro. Tamén existen análogos como "A Verdeal".

O SOMO (Cabarcos)
Do latín summum 'o máis alto'. O dicionario define "somo" como "O máis alto, cumio, cima". 

Sobreira  referíase ao "somo" cando definía "asomar" como "empezar a ser vista alguna cosa, como el que atraviesa por un somo" (cf. J. Sobreira, Fr. J. "Papeletas de un diccionario gallego. Ms. s. XVIII", Ed. de J. L. Pensado. 1979).

O SUSANTANA (Cabarcos)
Composto de "Su Santa Ana", "o terreo ao pé de Santa Ana".


O TALLO (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
Un "tallo" é unha finca de pequenas dimensións (o mesmo que "lucha"). Á parte dos significados relativos a "corte", o termo "tallo" tamén vén no dicionario como "cuadrado de viña".
En portugués tamén ten o significado de "finca onde se plantan cebolas, fabas". Cf. Priberam.
Outra orixe podería ser dunha raíz indoeuropea *tā- 'derreterse, fluír', 'mofo', o mesmo que outros topónimos como "Tallobre" (cf. aquí).

O TOMBO (Barreiros)
O termo "tombo" ten varias acepcións. Neste caso, moi probablemente debe ser interpretado como "lomba, ribazo". Cf. A. Otero (1956), "Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés", DdD.

O TOMBO DE FREIRE (Benquerencia)
Este topónimo refire a un "outeiro pertencente a Freire" (para o termo "tombo" 'outeiro, lomba', ver "O TOMBO"). 
Canto a "Freire", podería tratarse dun patronímico derivado do alcume "freire" 'frade, monxe' (cf. p. 77 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). Alternativamente, "Freire" podería derivar de *Fredarii, forma en xenitivo de Fredarius, nome de orixe xermánica (Cf. p. 323, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III).

O TOMBO DE VÁZQUEZ (Benquerencia)
Este topónimo indica un "outeiro pertencente a Vázquez" (para o termo "tombo" 'outeiro, lomba', ver "O TOMBO").
Canto a "Vázquez", trátase do apelido, que remite a un proxenitor chamao Vasco (Velasco)".

O VARGADO (Barreiros)
O apelativo "bargado" indicaría unha empalizada, lugar valado de estacas. Cf. DdD.

O VAL DO CAÍNZO (San Xusto de Cabarcos)
Un caínzo ou canizo designa unha armazón ou tecido de varas, en particular de canas. Constantino García resume as múltiplas acepcións derivadas:
 "armazón formado por unas tablas y un entretejido de cañas, varas o mimbres que tiene muchos usos: lateral del carro para sostener la carga; rastro para allanar la tierra después de arada; portilla de una finca; verja; recipiente que recibe las uvas para ser prensadas; cubierta que se coloca al comienzo de la campana de la chimenea y sirve para secar castañas y otros productos; cubierta sostenida por unos palos que hace el servicio de alpendre, etc".
Rivas Quintas recolleu ademais a acepción de "Canaval" (lugar onde abundan as canas ou canaveiras), que pode ser a motivación de parte destes topónimos.
Un "caínzo",  na toponimia galega, é un termo frecuente que pode referir a algunha construción ou armazón (talvez unha pesqueira no río) feita de canas ou vimbes. Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, nunha trampa feita de canas, ou incluso nunha cancela feita de tales materiais. Tamén encaixa unha adxectivación, de "terreo canizo", onde abundan as canas, tal como recolleu Rivas Quintas.
Por outro lado, seguindo a Navaza, encaixaría noutros topónimos tamén a a acepción de "Pesqueira" da voz "cañizo" (semella castelanismo) recollida por Eladio Rodriguez no seu dicionario.

O VEDRAL (Barreiros)
Lugar onde abundan os "bedros" ou "bredos", do latín blitum, a planta Amaranthus blitum
O profesor Navaza fai igualmente esta interpretación destes topónimos, aínda que indica a posibilidade dalgún deles de provir alternativamente dun abundancial de bidro 'bedueiro' ou aínda de vidra 'vástago de vide, videira' (cf. G.G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

O VEDRO (Cabarcos)

O VEDRÍN (San Xusto de Cabarcos)
O termo "vedro" é definido en galego como "os vestixios dos valadares de terra, dos cercados antigos dos montes, rozas, estivadas, etc" (Cf. DdD). No portugués antigo tiña un significado similar: "valo, tapume, cómaro con que se cercan os campos e searas"  (s.v. "vedro", in Viterbo, "Elucidário", 1798).
É de notar, tal como rexistan os dicionarios de galego, que nalgúns lugares tomou a acepción máis específica de "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo", aínda que o máis probable é ue se trate da acepción xeral indicada previamente.

No caso de "Vedrín", corresponde coa forma en diminutivo en -ín, común do galego oriental e que observamos a partir deste concello.

O VILAR (Cabarcos)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha vila, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").

Ns actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". A acepción recollida por L. Carré é "campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. DdD.

OS ALDAOS (San Xusto de Cabarcos)
Finca ou terreo que pertenceu nalgún momento a unha familia de apelido "Aldao". 

O apelido Aldao debe ser un detoponímico, e ten a súa orixe no concello de Laracha (AC). Provén do nome de persoa Aldanus, coa raíz xermánica *ald- 'vello' e o sufixo latino -anus (cf. J. Piel. "Estudos de linguística histórica galego-portuguesa", 1989).

OS AMEDOS (San Miguel de Reinante)
Un "amedo" é un lugar onde abundan os "amieiros", sinónimo de "ameneiros".

OS CANEIROS (Benquerencia)
Un "caneiro" é unha canle, un canal, por veces usado para pescar.

Os "caneiros" xa foron definidos por Sarmiento como "Los canales de los ríos para la pesca" (M. Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
O dicionario de (M. Valladares (1884): Diccionario gallego-castellano") dálle un sentido máis específico, que talvez fose o caso:
"Canal de pesca, compuesto ordinariamente de dos muros, ó estacadas, llamados guiares (V. guiar); muros, ó estacadas, que desde las opuestas orillas de un rio convergen en determinado punto del mismo, formando angulo, en cuyo vértice hay uno ó mas boquetes, para colocar las redes que son á manera de manga y destinadas por lo regular, á coger anguilas."

Tamén se recolle para "caneiro" a acepción de "canizo", pero tería menos encaixe nun topónimo.

OS CARRIZÁS (San Miguel de Reinante)
Plural de "carrizal", lugar no que abunda o carrizo ou cana silvestre dos pantanos.
É de notar que esta forma "carrizal" é máis moderna que a forma alternativa "carregal". Ou sexa, derivou directamente da forma galega "carrizo", mentres que "carregal" xa procedería directamente da forma latina carricalem, derivada de carex 'carrizo'.

OS CARBALLÁS (Barreiros)
Un "carballal" fai referencia un  lugar poboado de carballos.
O apelativo "carballo" é de orixe prerromana. O correspondente termo en latín robur non perdurou no galego, excepto na toponimia, na que si se conserva a forma  "reboredo",  co mesmo significado que "carballeda" e "carballal".

OS CELEIROS (Benquerencia, Barreiros)
O topónimo "Celeiro" vén do latín cellarium, "despensa, silo, lugar onde se almacenan provisións, hórreo".


OS CUCHAREGOS (Cabarcos)
Ver "O Cucharego".

OS CURUXÓS (San Miguel de Reinante)
Diminutivo de "curuxo". Probablemente, o mesmo que "curuxeira", que designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos, ou ben frondoso e escuro". Cf. DdD

OS FEÁS DE MOREDA (Barreiros)

OS FEÁS DE REMIOR (Barreiros)
O termo "feás" é o plural de "feal", lugar onde abundan o feo (cast. heno).


OS FOROS (San Xulián de Cabarcos, Barreiros)
Ver "O Foro".

OS LAVANCIÑOS (Vilamartín Pequeno)
Diminutivo de Lavancos. Dada a terminación -iños que moitas veces remite a un xentilicio, podemos pensar en que alude á orixe dos posesores que serían oriúndos dun Lavancos, talvez o existente en Lagoa (Alfoz).
Tamén pode remitir a un conxunto de pequenos lavancos , na acepción de "pedra grande" (cf. A. Otero "Algunas adiciones al léxico hispánico", CEG XXIV).

Por outro lado, os dicionarios de galego rexistran "lavanco" designa unha especie de parrulos. Aínda que podíamos interpretalo como lugar onde abundan tales aves,  é estraño que a forma fose en diminutivo, e tampouco parece que encaixaría no caso do topónimo en femenino "A Lavanca" existente en Ribadeo, co cal cremos descartable esta interpretación de "parrulo". Porén, poden encaixar como alcumes de antigos posesores dos predios.

Para máis discusións e detalle sobre etimoloxía da palabra consultar o indicado para "O Lavanco"  no blog "Toponimia de Alfoz".

OS LEITÓS (San Miguel de Reinante)
Debe remitir ao apelido dun antigo posesor do lugar. De feito, o apelido Leitón é relativamente frecuente neste concello. Como alcume, Leitón xa figura rexistrado como Leyton no séc. XIII ".. Pelagius Iohannis cognominato Leyton.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
No concello de Xove atopamos tamén un Lugar do Leitón, coa mesma orixe en alcume.

OS MARTICES (San Miguel de Reinante)
Terras ou lugar pertencente á familia de apelido Martiz, ligado a "Martiño".

OS PEDROUZOS (Benquerencia)
A voz "pedrouzo" designa unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado", ou "cima penascosa". Cf. DdD .

O sufixo -ouzo dálle un matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. Priberam.
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza e en particular na Mariña Central e Oriental; o Proxecto Toponimia de Galicia rexístrao en Cervo, Foz, Barreiros, Ribadeo.

OS PEGOS (San Miguel de Reinante)
Terras ou lugar pertencente á familia de apelido"Pego", apelido actualmente frecuente en Ortigueira, Cariño e Viveiro. De feito, o apelido "Pego", derivado dun alcume, xa figura atestado en Galiza no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
Aínda que "pego" ten tamén a acpción de "piago", non encaixa poi nesta zona o nome usado é "piago", tal como tamén recolle a toponimia (verr "PIAGOS").
Existe tamén un topónimo similar, "Os Peguiños" en Fazouro (Foz), para o cal ambas acepcións tamén semellan probables.

OS PELAMIOS (Santiago de Reinante)
Aludiría a un lugar no que houbo "pelamios", "lugar onde houbo curtidorías de pel". Cf. F. Cabeza, "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.

OS PENEDOS DE SILÁN (San Xusto de Cabarcos)
De *Segilani, forma en xenitivo de Segila, o antigo posesor dos penedos. O nome tén orixe xermánica.

OS PIBIDÁS (San Xusto de Cabarcos)
Plural de "pebidal", abundancial de "pebida", do latín vulgar pipita. Un "pebidal" ou "pebideiro" é un "lugar onde se botan as sementes de certas plantas e onde se crían durante un curto período de tempo, para seren logo transplantadas".

OS TROBOS (Barreiros)

O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore" (cf. DdD). Con todo, os dicionarios recollen tamén acepcións relacionas mais máis xerais, como ‘oquedade’ ou ‘concavidade’, o cal tamén podería encaixar neste topónimo.

A súa etimoloxía é prerromna, dunha forma *trobanu. Así Bascuas relacionouno coa raíz indoeuropea *treb- ‘construción de madeira’, vivenda’, da mesma raíz que no latín trabs ‘trabe’, o irlandés medieval treb ‘casa’ e antigo galés treb ‘vivenda’.

É un topónimo con certa presenza na provincia de Lugo, Atopamos tamén Os Trobos en Cospeito, "O Trobo" no Valadouro,  Ourol, A Fonsagrada, Vilalba, Abadín,  así como El Trobo nos concellos Eonaviegos de Castropol e a Veiga.

OS VEDROS (Barreiros, Cabarcos)
Ver "O Vedro".

OS PAINZÁS (San Miguel de Reinante)
Plural de "painzal", lugar con paínzo ("millo miúdo"), ou que produce bon paínzo.

OS TRIGAOS DE ABAIXO (San Miguel de Reinante)

OS TRIGAOS DE ARRIBA (Cabarcos)
Plural de "trigao", lugar con trigo, ou que produce bon trigo. Cf. DdD.
Aínda que "trigao" tamén significa un tipo de paxaro, non encaixaría ben nun topónimo.

OS VIEIROS (Rúa)
O topónimo "Vieiro" é frecuente en Galiza, con máis de vinte lugares con este nome.
A priori, podería tanto provir de venario, a partir do latín vena 'vea, veta' (quer de ferro, de auga, etc), como de viario 'camiño, carreiro, vrea'.
No entanto, Bascuas concluíu, a partir da documentación medieval, que a frecuencia de venario imponse, canto que viario aparece unha soa vez. Indica ademais que venario abonda na documentación medieval galega co sentido de "veta de ferro". En resumo, "Vieiro" indicaría, por tanto, unha explotación mineira ("vea de ferro") ou ben unha vea de auga. Cf. p. 139 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

PACIOS (San Xusto de Cabarcos)
Xeralmente, os termos "pazo" e "pacio" derívanse de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Porén, o lugar onde se encontra "Pacios" non parece que tivese un palacio.

Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha outra acepción: en Asturias, parece que "casar" referencia un conxunto de construcions individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, e "Palaciu" (latín palatium)  refirirá a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén Callaica Nomina.

PALLARES (Barreiros)

Este lugar figura atestado como "Pallares de millo" no Catastro de Ensenada de Barreiros (1753) ao detallar os muíños da freguesía.

O apelativo pallar está definido nos dicionarios galegos como ‘meda de palla, palleiro; construción destinada a almacenar a palla’ ou ‘terreo sementado de cereal, despois de segado’. É así un derivado de palla (do latín palea).
Alternativamente, aínda que menos probable, podería proceder do apelido ou sobrenome dun antigo posesor do lugar. En efecto, figura atestado na Idade Media como apelido.

PAMOURO (S. Xusto de Cabarcos)
Sitio xa desaparecido. Figura no Catastro de Ensenada de S. Xusto de Cabarcos (1753) ao detallar os muíños da freguesía "al sitio de Pamouro".
Debe remitir a un Pai Mouro, antigo posesor do lugar. Tamén se atopa unha "Fonte de Pamouro" en Salcedo (Po).
O nome Paio foi moi popular na Idade Media, e de aí que ten unha gran presenza na toponimia menor de Galiza, así temos por exemplo un Peiperez en Alfoz, ou un Peibarba en Xove, Peiméndez en Viveiro, Peirrei en Muras.

Igualmente O Pomouro (Ares, ACo) debe ter a mesma orixe, aínda que nese caso pasaría de Pamouro > Pomouro por influxo da bilabial posterior (como o coñecido "somana" por "semana").

PEDRIDO (San Xusto de Cabarcos)
Significado transparente: os termos "pedrido" e "pedragal" designan un "lugar onde abundan as pedras".

É un topónimo frecuente en toda Galiza. Nos concellos da Mariña Central tamén figura coa variante Pedride.

PEDROUZOS (Celeiro de Mariñaos)
Ver "Os Pedrouzos".

PENA DA INSUA (Cabarcos, San Miguel de Reinante)
Ver "A Insua".

PENA PATELA (Barreiros)
Esta pena é un con costeiro. En Noal (Porto do Son) hai outro con tamén chamado "A Patela". No  Boqueixón, xa terra adentro, tamén atopamos outra "Pena Patela", así como unha "Pena da Patela" no Catastro de Ensenada do Ermo (Ortigueira) de 1752.


Patela como adxectivo indica "elemento aplanado, con escasa profundidade". De aí deriva a acepción rexistrada en Xermade de "pedra cha" ("piedra llana, ancha, con que va cerrando el horno en la parte de la bóveda". Cf. E. Rivas. Frampas. DdD), e tamén a acepción de "rótula" (=óso chan) rexistrada en portugués (cf. Priberam).
Por outro lado, ao ter tamén a acepción do "antepé da polaina", é probable tamén que aluda á forma do con.
Finalmente o profesor Piel interpretou o topónimo portugués "Patela" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. M. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

PENABOR (Barreiros)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de S. Xulián de Cabarcos (1753) ao detallar os límites da freguesia
 .."a la Peña que llaman de Peña bor"...

De pinna Avioli, penedo de Aviolus, diminutivo de Avius, nome do antigo posesor, nome de orixe latina.
Atopase tamén FONTABOR, ambos topónimos reafirman esta orixe antroponímica.


PIAGOS (San Miguel de Reinante, San Xusto de Cabarcos)
Un "piago", "peago" ou "pego", do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.


PONTE DA MARADONA (Celeiro de Mariñaos, San Xusto de Cabarcos)
Ver "A Maradona".

POZO DO PIAGO
(Celeiro de Mariñaos)
Ver "Piagos".

POZO DO ASNO (Reinante, San Miguel de Reinante)
Orixe incerta. 
Podería derivar do termo "asno", quer referido a unha situación anecdótica, quer ao alcume dun antigo posesor. No entanto, parece improbable.
Alternativamente, pode derivar o elemento paleoeuropeo *ap-s-, frecuente en hidrónimos, e derivado da raíz indoeuropea *ap- 'auga' (cf. p.179 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Esta segunda alternativa semella a máis probable, se temos en conta os topónimos "Poza do Asno", "Ponte do Asno", "Punta do Asno", etc, relacionados coa hidronimia.
Existe tamén un "Os Asnos" en Burela e "A Furada dos Asnos" en Covas (Viveiro).

POZO DO PIBIDAL (Celeiro de Mariñaos)
Ver "Os Pibidás".

PRAIA DA BALEA (Benquerencia)
Ver "A Balea".

PRAIA DA ANGUIEIRA (Barreiros)
Ver "Anguieira".

PRAIA DE MIRANDA (Cabarcos)
"Miranda" indica o apelido dun antigo posesor. Ver "Cortiña de Miranda".

PUMAREGA (Cabarcos)
O mesmo que "pumar", finca plantada de maciñeiras/mazairas.

PUMARÍN (San Miguel de Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os muíños da freguesia.
O termo "pumarín" corresponde co galego normativo "pumariño" 'maceda, lugar onde abundan as maciñeiras ou, en xeral, as árbores frutais'.

PUMARRUBÍN (San Miguel de Reinante)
Forma composta, correspondente a "Pumar Rubín". O termo "Rubín" derivaría de Rubini, forma en xenitivo de Rubinus, o nome do antigo posesor, nome de orixe latina. 


Xa está atestado no 1078, cando aparece en tres documentos: ".. Pumar Ruiinum et villa Plana..",  " ... villa que uocitant Pumar Ruiino ...", "... in Pumar Ruuinum .." (cf CODOLGA).

PUNTA DE ANGUIEIRA
(Barreiros)
Punta costeira. Ver "Anguieira".

RAMIL (Barreiros)
Posiblemente de *(agru) Ranamiri, forma en xenitivo de Ranamirus, nome do antigo posesor.
Ao non se tratar dun núcleo de poboación, é tamén probable que se trate do apelido (e non do nome) do antigo posesor. Neste caso de apelido, tamén tería a indicada orixe en Ramiri.

REGO DA FILLOA (Barreiros)
Este topónimo pode aludir, máis que á comida indicada, que non encaixaría moito en singular para un topónimo, ao apelido ou alcume "Filloa" dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Filloa xa figura rexistrado como Folloa no séc. XIII ".. Ares Eanes, dito da Folloa.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
O Proxecto Toponimia de Galicia rexistra tamén, entre outros, A Costa da Filloa en Ourol.

REGO DO ENCANTO (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
Está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesía:
     ..."y sube al sitio do encanto y de seixo blanco"..
A referencia ao "Encanto" debe aludir a con entornos míticos ou relixiosos antigos. 
Así, hai varias penas "do Encanto" nas que se teñen atopado petróglifos, tales como no caso da "Pena do Encanto" en Silleda, e da "Pedra do Encanto" na ría de Arousa, así como "As Pisadas do Encanto" nas Anzas. No caso da Pedra do Encanto (O Hío, Cangas, Po), preto dela atópanse petróglifos, así como un castro e mais unha capela.
No caso da Pena do Encanto de Sta. Mª Maior, Mondoñedo, atópase ao lado do Pozo da Moura, outra referencia mítica. Igualmente, no caso da Pena do Encanto dos Vaos (Ribeira de Piquín), atópase ao lado da Pena Moura, así como da Capela de Santa Apolonia, que pode tratarse da despaganización do lugar.
No caso da Furada do Encanto (A Balsa, Muras), atópase ao pé de Trala Modia, aludindo a unha mámoa próxima.
Finalmente, no caso  da Pena do Encanto (Foz), atópase ao lado do Cu do Castro, situado nun promontoiro,  tamén con referencias histórico-míticas, xa que logo.

Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in Terra de Melide. 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. blog O Noso Patrimonio.
En particular, a "Pena do Encanto" pode ter relación coa existencia de petróglifos, gravuras prehistóricas na rocha, e o termo "encanto" estar asociado a posibles lendas surxidas ao respecto. 
Bouza Brey indica que:
  “entre os diversos aspectos que presenta a crenza animista das augas, figura a que supón o poboamento destas por seres marabillosos, por xenios de carácter especial que na nosa terra acadan diferencias específicas. Nos nosos relatos tradicionais, cítanse en primeiro lugar os encantos que moran ademais de nas covas ou minas, nas fontes e nos ríos. Estes seres, no sentir dos nosos primitivos, son, en Galicia, homes e mulleres escravizados polo demo, que dispoñen de grandes tesouros, que andan moi ben portados e que non morren xamais; pero sempre están pensando na maneira de que os desencanten e os deixen, unha vez libres do poder demoníaco, vivir entre cristiáns.”

O termo "encanto" pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

REGO DO FORCÓN (San Miguel de Reinante)

O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato, tal como nos indica este topónimo.
Nouros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

REINANTE (Santiago de Reinante)
Xa na Idade Media aparece atestado, así figura como Sancto Iacobo de Reinanti na confirmación que Ordoño II outorga no 916 á igrexa de León. Aparece novamente nun documento de 
1131 como «Santiago de Reynante» e «sancti Iacobi de Regnanti» (cf. Tombo de Lourenzá).

A súa orixe é (uilla) Reinanti, forma en xenitivo de Reinantus, nome do antigo posesor da uilla 
altomedieval (granxa, explotación agrícola) que ocuparía ese lugar. 
É un nome de orixe xermánica, o cal non implica que o posesor fose desa orixe.

REMIOR (Barreiros)
Do latín vulgar *riuu Minore 'Río Menor'. É interesante esta redución da voz "río", que está ben estudada por autores como Bascuas ou como Martínez Lema, que menciona este mesmo topónimo (c
f. P. Martínez, "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV)".
Este lugar aparece xa atestado no 1307 como «Reumeor» e no ano 1379 como "Riomeor" (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos.") 

REQUEIXO (Barreiros)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cf. DdD) ou tamén lugar apartado, nun recanto. Rivas Quintas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale' (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

REXA (Celeiro de Mariñaos)
O nome do barrio "Rexa", así como a "Fonte de Rexa", podería referirse ao apelativo "reixa", de forma "enreixada". ou o máis probable de ter tido unha "rexa" na entrada ou nalgures.

Alternativamente, podemos postular unha orixe hidronímica, neste caso no tema paleoeuropeo *re-, derivado da raíz indoeuroeuropea *er- 'moverse', en grado cero. Este tema foi estudado por Bascuas (Cf. p. 148 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), aínda que non incluiu "rexa". Deste modo, poderíamos aventurar unha orixe nun *resia > *reixa > rexa.
Esta segunda interpretación parécenos máis probábel se temos en conta a existencia dunha "Fonte de Rexes" en Alfoz, na cal non encaixa a primeira hipótese de "enreixada" e si que encaixaría esta segunda interpretación como hidrónimo.

Tamén podería ter orixe nun alcume "A Rexa" ("forte").
Hai un "A Rexa" en Lourenzá, e un "As Rexas" en Nigrán, e un "Fonte de Rexes" en Lagoa (Alfoz).

RIBÓN (San Miguel de Reinante)
O dicionario define "ribón" como variante de "ribazo". Cf. aDdD.

RÍO DE REMOURELLE (Cabarcos)
O termo "Remourelle" provén do latín vulgar *riuu Maurili, 'río de Mauril(i)us'. Cf. e.g. aquí.

RÍO MASMA (Vilaronte)
O río "Masma" está documentado na Idade Media como Masoma ("inter Iube et Masoma"), Masuma e Maseme.
Aínda que o significado sexa incerto, é probable unha orixe prerromana, dado o sufixo átono "-oma", indicando forma en superlativo, tal como acontece en topónimos como "Guísamo" ou "Osmo".
J. Moralejo postulou como hipótese a raíz *mad- 'húmedo' (cf. aquí), co que significaría algo como "o moi húmedo" (cf. J. J. Moralejo "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II").

SAA (Barreiros)
O topónimo "Saa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal, e amplamente documentado, tamén coa grafía "Sa", posiblemente deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular" in "Historia de la lengua española". 2004).

Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. E. A. Roberts e B. Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996).

SALGUEIROS (San Miguel de Reinante)
Topónimo transparente, indicando a existencia de árbores dese nome.
No entanto, tampouco se pode descartar, ao tratarse dun núcleo de poboación, que derive de "Os Alugueiros", como ocorre no caso de "Salgueiros" nas Negradas. Contodo, a falta de documentación que o probe, esta alternativa é unha pura especulación.

SANGULLIDO (Cabarcos)
Deturpación de "Sanguñido", topónimo frecuente na Mariña, que remite a un lugar no que abundan os sanguiños (planta).


SANTE (San Xusto de Cabarcos, Celeiro de Mariñaos)
De *(uilla) Sancti, forma en xenitivo de Sanctius, nome do antigo posesor. É un nome de orixe latina. Cf. p. 1163 N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega".

SARXENDE (Benquerencia, San Miguel de Reinante)
O nome deste núcleo de poboación é compartido entre as dúas parroquias indicadas.
Nicandro Ares asociouno ao topónimo Gelsendi, documentado en 1189. De aí, atribúelle unha orixe en (uilla) Gelsindi. forma en xenitivo de Gelsindus, o nome do antigo posesor da uilla altomedieval. É este un nome de orixe xermánica (cf. p. 453 e ss. de N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega").

De feito, está atestado no Tumbo de Lourenzá, no século XII:
* no documento 13  fálase dunha “muller de Todomiro de Gelsindi”
* no documento 67 (datado entre 1076 e 1113) nunha doación ao mosteiro dunha herdade "… in villa de Gelsendi…".
* En 1143 recóllese a venda dun oitavo dunha vila que estaba "… in loco predicto Gelsende"

O SEIXO DA VEIGA  (San Xusto de Cabarcos)
Este topónimo debe ser o atestado no ano 1379 nun texto da Catedral de Mondoñedo ao referirse a un «Fernando de Seyxo» (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").
A voz "seixo" é común no galego, derivada do latín saxu ‘pedra grande, rocha’. Ten dúas acepcións:  “pedra dura de pequeno tamaño, xeralmente lisa e arredondada” e tamén un “tipo de rocha xeralmente branca e moi dura”. 
Na toponimia, un "Seixo" en singular remite a un penedo de seixo que aflora, e que por veces serve de marco. Un exemplo deste uso témolo no Catastro de Ensenada (1752,1753), no cal é común para toda a zona da Mariña, Ortegal, etc ao referenciar os límites das freguesías, sendo moitos marcos o nome de "Seixo de ..". Así, no Catastro de Ensenada de Foz (1753), ao definir os límites desa freguesía: 
  ".. siguiendo por la vega de Escanlar a un Seijo blanco que en ella se halla .."

SEOANE (Cabarcos)
Forma derivada de "Sanctus Iohannes" (San Xoán). Xa na Idade Media pasaría na pronuncia popular para Saneoane, e daí, seguindo a queda do -n- no galego, para "Seoane". Aínda, desa forma, evoluiu tamén para Seivane, Sevane e Savane, todos eles rexistrados na toponimia galega.
Este topónimo debe ser o que figura como «Seyoane» no ano 1379 nun documento da Catedral de Mondoñedo (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").

SESTELO (Barreiros)

Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada de S. Miguel de Reinante (1753) ao detallar os límites da freguesia
 .."Lagoa de Sistelo"...
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Tradicionalmente foi interpretado como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.
García Arias interpreta para os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión é tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".


SILVALONGA (Barreiros)
Composto de "Silva Longa". O termo "silva" neste caso non correspondería co significado actual, senón co significado latino de silva 'bosque, fraga'. Indicaría, por tanto, unha "fraga longa".

SINDÍN (Benquerencia)
De (uilla) Sindini, forma en xenitivo de Sindinus, nome do antigo posesor, nome de orixe xermánica, da raíz sinth- 'camiño, expedición militar'. Cf. "Sendim", p. 342, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

SIXTO (Barreiros)
Pronunciado "Sisto", sendo Sixto probablemente unha ultracorrección.
Para Díaz Fuentes "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Outra interpretación é como referencia a un posesor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis ben para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refire ao reparto de terras, a sextos. Así, García Arias interpreta como posible a orixe en sextus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Da mesma opinión é tamén Isidoro Millán, no seu estudo sobre a toponimia de Pontedeume, e indica que estes repartos ocorrerían na época sueva.

TERREOS DO VENTO (Barreiros)
O significado de "Vento", sendo esta unha zona de marismas, podería ser o transparente, indicando zona ventosa. No entanto, parece máis probable interpretalo como o antropónimo "Bento", con orixe en Benedictus.

VALIÑAS (Cabarcos)
Unha "valiña" é un "vale" pequeno, por veces un lugar chan nunha encosta. O termo "vale" tiña xénero feminino antigamente, de aí esta forma.

VILACIZAL (Benquerencia)
Tamén chamado "Vileizal". Provén dunha Uilla Caesarii, referindo a unha uilla altomedival (granxa, explotación agrícola) situada nese lugar, dun antigo posesor  chamado Caesarius, nome de orixe latina.
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares, cf. p. 560 de N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega".
Existe outro "Vilacizal" próximo en Santa Cilla do Valadouro.

VILADAÍDE (Barreiros)
De uilla Dagildi, forma en xenitivo de Dagildus, nome do antigo posesor altomedieval da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) que debeu haber nese lugar. Dagildus é un nome de orixe xermánica.
Este topónimo foi estudado por Nicandro Ares (p. 316, N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega").

Figura atestado por primeira vez no ano 1307 como «Viladeylle» (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").e como «Villadaelle» e «Villadeelle» no 1479 (cf. E. Cal, 2006. "Tumbos de la Catedral de Mondoñedo. Tumbo pechado:transcripción íntegra de sus documentos").

VILAMAR (San Xusto de Cabarcos)
De *uilla Amari, forma en xenitivo de Amarus, indicando o nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) situada neste lugar. Amarus é un nome de orixe latina.

Figura atestado xa con este nome no ano 1452 en referencia a un «Juan Rodrigues de Vilamar» (cf. E. Cal, 2005. "Tumbos del Archivo de la catedral de Mondoñedo. Calendarios. Transcripción íntegra de sus documentos").

VILAMARTÍN GRANDE
(Cabarcos, Reinante)

VILAMARTÍN PEQUENO (Vilamartín Pequeno)
De *uilla Martini, forma en xenitivo de Martinus, referindo o nome do antigo posesor 
da uilla altomedieval (granxa, explotación agrícola) situada neste lugar. É un nome de orixe latina.

VILAR (Cabarcos, Barreiros)
Ver "O VILAR".

VILARÍN (Cabarcos)
Diminutivo de "vilar". Ver "O VILAR".

VILAMIL (Cabarcos)
Este topónimo ten sen dúbida unha orixe nun nome de posesor da uilla (granxa, casal, explotación agrícola).
O antropónimo concreto é complexo de establecer sen documentacion antiga suficiente.
Se temos en conta a pronuncia palatal /billamil/, podemos a priori interpretalo como castelanismo, pero podería tamén non o ser: se asumimos que a pronuncia /billamil/ non fose castelanismo, podería entón interpretar cunha orixe en Viliamiri, forma en xenitivo de Viliamirus, derivado do gótico *wilja 'vontade' e -mereis 'o maior, famoso'. En efecto, o "Villamil" de Pantín (Valdoviño) procede tamén de Wiliamiri. O mesmo ocorre cos antropónimos Viliemirus e Viliamirus atestados en Portugal no século X, e Viliamiro no século XI (vid. p. 50, J. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VII).
De feito, semella estraña a evolución para Vilamil en vez de para Vilamir. Se esta interpretación fose acertada, o nome debe ser "Villamil" e non "Vilamil".
No entanto, pode corresponder con *Uilla Miri, forma en xenitivo de Mirus, nome iguamente de orixe xermánica.
Alternativamente, tendo en conta a existencia do apelido "Villaamil", procedente do topónimo Vileimil (A Pontenova), procedente de U
illa Agimiri, do nome xermánico Agimirus. Tamén podemos derivalo de *Uilla Adamiri, forma en xenitivo do nome xermánico Adamirus.
É de supoñer que é un topónimo para o que hai documentación antiga que nolo clarifique, mais descoñecémola.

VILARONTA (Cabarcos)
A orixe é controversa.
Probablemente comparta a mesma orixe que Vilaronte (Foz), que derivaría de uilla Gerontii, dun antigo posesor chamado Gerontius, nome de orixe latina. Cf. M. Costa Frornarea.
Alternativamente, Nicandro Ares deriva Vilaronte de Arontii, Rontii ou Runtii, formas en xenitivo respectivamente de Arontius, Rontius ou Runtiius, de orixe romana (cf. p. 369 de N. Ares, 2011, "Estudos de toponimia galega").

XABARIZ (Barreiros)
De *(uilla) Sabarici, forma en xenitivo de Sabaricus, nome do antigo posesor da uilla altomedieval (granxa, explotación agícola). É un nome de orixe xermánica, o cal non quer dicir que esa persoa tivese tal orixe, pois eran os nomes "de moda" nesa época.

A XÍMARA (Cabarcos)
Topónimo derivado do nome altomedieval Uimara, nome de orixe xermánica. Aínda que poida resultar estraña a evolución, con palatalización da consoante inicial, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Relacionados con este nome, o Nomenclator rexistra  outra Xímara na Pontenova, Os Xímaros en Ribadeo, varios Ximará(s), como en Viveiro, Moeche, Xuances, Alfoz e Cospeito. Tamén atopamos a Pena de Ximarao en Cedeira, Ximarei en Cospeito, Xemaré en Xermade, etc. 

O XOGO DOS BOLOS (Cabarcos)
Interesante topónimo que nos deixa testemuño do lugar no que se practicaba ese xogo. Consérvase o mesmo topónimo noutros lugares, como recolleu J. A. Palacio en Pantón (cf. J. A. Palacio, 1981. "Toponimia de Pantón").
Xa por volta de 1536, o bacharel Olea atestaba a existencia deste xogo en Galiza: "Y en Monforte de Lemos, en casa de uno que se llama Mendo Alonso, juegan los bolos muchos de la villa, vino y dineros, y otras cosas; es cosa mucho de ber, y juéganlos en un vergel que tiene la misma casa"

ZAPIA (San Miguel de Reinante)

Esta Zapia está a rente da Veiga de Zapia (Ribadeo). Ten un nome interesante pero de orixe incerta.
Temos o "Rego de Zaipa" en Xermade. Tamén existe o topónimo Zapia en San Miguel de Reinante, e "Veiga de Zapia" en Ribadeo. Semella que estamos fronte dun hidrónimo, algunha referencia a augas, talvez charca ou similar.
Podemos aventurar que Zaipa e Zapia deriven dunha forma prerromana *Sal-ap-p-ya , hidronímico de orixe indoeuropea, cun significado de 'charca, arroio da charca, lagoa' . Estaría composto polas raíces indoeuropeas *sal- 'sal, auga estancada' e  *ap- 'auga, río' .
A evolución de *Salappya para Zapia non presentaría ningunha particularidade (*Salappia>Saapia> Zapia).
A hipótese desta orixe en *Salappia é detallada na entrada Zaipa Mirachi do blog A Pena da Cataverna.




Ningún comentario:

Publicar un comentario